A Deputación colabora co Museo do Pobo Galego na dixitalización do APOI

A Deputada de Promoción Económica e Social, Emprego, Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, a coordinadora do proxecto, Concha Losada, e o musicólogo, Serxio de la Ossa, presentaron hoxe no Salón de Actos do Pazo de San Marcos o APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade). Trátase do fondo documental e dixital do Museo do Pobo Galego sobre música tradicional galega, festas e celebracións populares, entrevistas e outros documentos audiovisuais, así como un grande número de datos etnoculturais, que ten como obxectivo promocionar e impulsar o patrimonio inmaterial e cultural galego ao tempo que se poida empregar como un recurso didáctico.

O recoñecido musicólogo galego, Serxio de la Ossa, é o encargado de realizar o proceso de dixitalización e catalogación de todo este material para que poida ser empregado e consultado en www.apoi-mpg.org. Todos os arquivos da base de datos do APOI son cedidos polos autores que asinan os seus traballos, sendo publicamente recoñecidos e respectando o seus dereitos.

López Izquierdo destacou que “colaboramos co Museo do Pobo Galego con 16.000 euros que permiten a celebración de ducias de iniciativas coma estas, encamiñadas a preservar e difundir a identidade común que temos como galegos. Facémolo porque estamos convencidos da necesidade de que as administración públicas se impliquen no estudo e posta en valor dos recursos senlleiros do noso pobo. Dentro desta liña, dende o Goberno da Deputación colaboramos con ducias de asociacións culturais como a Fundación Uxio Novoneyra; Manuel María; Otero Pedrayo; Carlos Casares ou coa propia Real Academia Galega, coa que vimos de asinar un convenio de 9.000 euros para a promoción do Galego”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com