Deputación, Concello, Xunta e USC cofinancian as obras de modernización do Hospital Veterinario Rof Codina

O Presidente da Deputación, Darío Campos, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, xunto co Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e o Xerente da Fundación Rof Codina, Luis Felipe de la Cruz, presentaron onte o proxecto de remodelación do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina.

Fixérono tras asinar o contrato das obras, dotadas de case 900.000 euros e financiadas polo padroado de dita fundación. Este padroado está integrado pola Deputación, o Concello de Lugo, a USC e a Secretaria Xeral de Universidades. As achegas a estas actuacións correspóndense coas cotas de participación no padroado de cada institución.

Os Gobernos de Deputación e Concello de Lugo achegan conxuntamente, este ano, un total de 370.000 euros ao Rof Codina. Pois, ademais das aportacións para as obras da súa remodelación, destinan outros 185.000 euros, a partes iguais, para o funcionamento do Hospital Veterinario Universitario do Campus de Lugo.

As actuacións de remodelación do Rof Codina baséanse na modernización dunhas instalacións construídas hai máis de 30 anos, adaptándoas aos estándares de calidade esixibles co obxectivo de que o Hospital Veterinario de Lugo continúe sendo un centro de referencia a nivel europeo, así como que a Facultade de Veterinaria renove no 2018 a súa acreditación internacional.

Os Gobernos da Deputación e do Concello de Lugo colaboran con máis de 1 millón de euros de fondos propios para que a Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo renove a súa acreditación internacional.

As obras de remodelación do Hospital Veterinario, que se executarán este 2017, teñen un prazo máximo de execución de 12 meses e implicarán melloras como a creación de novas salas de hospitalización. Asemade, o proxecto inclúe a reestruturación de espazos interiores; a renovación de acabados, de tomas de osíxeno, de protección contra incendios e de control de accesos; ademais da dotación de novos elementos de ventilación e climatización conforme á normativa actual.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com