Deputación e Campus Terra da USC estudan as potencialidades turísticas da micoloxía nos Ancares e Courel

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, o Vicerreitor do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, Javier Bueno Lema, así como os profesores Antonio Rigueiro e Julián Alonso, informaron esta mañá dunha nova colaboración ente o organismo provincial e a universidade para impulsar o sector turístico da provincia. Trátase, concretamente, da elaboración dun estudo científico no que se avalían as potencialidades turísticas da micoloxía na provincia, no xeodestino dos Ancares-Courel. O Executivo destina 35.000 euros á elaboración do estudo que, posteriormente, será incluído dentro do Plan Estratéxico de Turismo que deseña o organismo provincial.

Vidal Baamonde subliñou que “con este novo acordo coa universidade, continuamos impulsando o estudo dos recursos naturais que hai na provincia co obxectivo de poder empregalos para ampliar a oferta turística lucense, neste caso, a través da micoloxía”.

O responsable de area de Turismo defendeu tamén a “transversalidade deste subsector turístico” pois a recollida de fungos pode completarse con outros recursos turísticos propios do territorio. “É por iso que decidimos elaborar este estudo nas Serras dos Ancares e do Courel que, ademais de ser un lugar cunha ampla diversidade micolóxica, reúne grande cantidade de valores históricos, culturais, xeolóxicos, ecolóxicos e paisaxísticos que debemos aproveitar para completar a oferta turística”.

As actividades que se desenvolverán serán: analizar e facer un diagnóstico das posibilidades do micoturismo na provincia e as necesidades para o seu desenvolvemento nas comarcas do Courel e dos Ancares, establecer sinerxías e implicar no proxecto aos distintos axentes administrativos, sociais, económicas, culturais e científicosm e definir as estratexias necesarias para favorecer o turismo micolóxico a levar a cabo as actividades e estudos para a súa implantación.

Por último Vidal destacou que con este acordo entre ambas administracións, elaborarase un minucioso estudo sobre a importancia da micoloxía na provincia, concretamente na Montaña lucense, que conta con grande diversidade no que a fungos se refire, dende o punto de vista do aproveitamento turístico.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com