A Deputación fai posible que o Torques de Burela sexa de todos os lucenses

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e Carlos López Gil, representante dos herdeiros de Álvaro Gil Varela, asinaron este luns no Museo Provincial da Deputación, a adquisición por parte do Executivo Provincial do último lote de 4 pezas da colección de ourivaría castrexa do filántropo lucense, entre a que se atopa o Torques de Burela. En virtude deste contrato, o Executivo provincial achegará este ano o pagamento de 350.296 euros, que lle permitirá adquirir o quinto e último lote, co que remata a adquisición completa desta colección.

“Esta colección, que foi declarada Ben de Interese Cultural no 2015, consta de 40 pezas de ourivaría castrexa (pre e protohistóricas). Actualmente se exhiben na sala 8 do Museo Provincial e está formada por torques, brazais, arracadas e pulseiras procedentes de toda Galicia. Inclúe, ademais, emblemáticas xoias como o Torque de Burela, o máis grande atopado en Galicia, e o Carneiro Alado”, subliñou o Presidente.

Campos Conde remarcou que “hoxe estamos diante dun fito histórico, os veciños da provincia están de noraboa porque a colección de ourivaría antiga da familia Álvaro Gil, pasa a ser propiedade de todos. Con isto, conseguimos que todo o conxunto desta colección, que xa custodia o Museo Provincial, sexa para o desfrute gratuíto e sen restricións de todos os cidadáns, ao tempo que poñemos en valor a riqueza patrimonial galega e os fondos dos nosos museos”.

O Presidente avanzou ademais que “o servizo de publicacións da Deputación xa está rematando un catálogo con toda a información e a historia sobre esta colección, que sairá a luz, previsiblemente nas vindeiras semanas”.

A colección de ourivaría antiga Álvaro Gil, que actualmente se exhibe na sala 8 do Museo Provincial, está formada por 40 pezas datadas entre o III Milenio A.C. ata a época romana, entre as que se atopan torques, brazais, arracadas e pulseiras procedentes de diversos Concellos lucenses, así como doutros lugares de Galicia. Inclúe, ademais, emblemáticas xoias como o Torque de Burela, o máis grande atopado en Galicia, e o Carneiro Alado, peza de valiosa execución artística e de incerta procedencia xeográfica.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo