A Deputación inicia en 44 centros educativos da provincia as súas actividades sobre Maruja Mallo

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, mantivo este martes un encontro cos alumnos de Secundaria e Bacharelato do IES Ánxel Fole, do Concello de Lugo, que participan dende hoxe e ata o 21 de abril na Semana Escolar con Maruja Mallo. Nesta programación de actividades que organiza o Goberno da Deputación participan 9.000 alumnos, de 44 centros de toda a provincia que coñecerán a vida e obra da pintora viveirense Maruja Mallo. Con esta iniciativa o Executivo Provincial súmase á homenaxe que a Real Academia Galega das Artes rendeu á artista Maruja Mallo con motivo do Día das Artes Galegas.

O primeiro día os alumnos fixeron unha pegada de carteis nos centros escolares. A continuación repartíronse os preto de 9.000 exemplares do libro que a Deputación pon a disposición do alumnado de ESO e bacharelato. Durante esta semana lerán e analizarán o libro-manual e co apoio dos docentes, realizarán diferentes actividades enmarcadas no ámbito da educación plástica e visual, a lingua e literatura, as ciencias sociais, xeografía e historia, así como a música.

O venres 21, como conclusión á semana, levarase a cabo o descubrimento do mural, Bos días, Maruja, que elaborarán os alumnos e alumnas e no que reflectirán a súa visión da obra da artista lucense e, por outra banda, levarase a cabo a interpretación dos raps para Maruja Mallo e do himno galego.

Libro-manual

O organismo provincial editou o libro-manual Bos días, Maruja: 12 estampas dunha pintora, de Llerena Perozo Porteiro, no que se condensan 93 anos de traxectoria vital e artística da protagonista en doce estampas ou capítulos. En cada un deles, téntase recrear unha parte da historia de Maruja Mallo con vida propia, de xeito que o profesorado poida escoller e traballar sobre un tempo concreto ou varios, segundo considere. Ademais, no libro reprodúcense cadros e pinturas das tendencias máis significativas da artista.

Na obra, crease unha personaxe de ficción que conversa con Maruja e narra as máis importantes circunstancias da súa vida, valora a súa obra e dálles voz a personaxes tan significativos como María Teresa León, Rafael Alberti, Miguel Hernández, Pablo Neruda, Luis Buñuel, Federico García Lorca, María de Maeztu, etc. Que interveñen nas diversas narracións, construídas ao xeito de contos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo