A Deputación mellorará 34 km de vías provinciais con 1,8 millóns de euros

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, avanzou que o Executivo Provincial aprobou este martes na sesión extraordinaria da Xunta de Goberno un novo investimento de 1,8 millóns de euros para as estradas da provincia que irán dedicados a mellorar 34 quilómetros de 16 estradas provinciais que discorren por Paradela, Ribas de Sil, Cospeito, Pol, O Corgo, Quiroga, Castro de Rei e Ribadeo.

Entre as actuacións programadas polo Executivo, destaca o acondicionamento, en Ribadeo, de 11,2 quilómetros da LU-P- 5203 de Cedofeita, Couxela ata a antiga estación; da LU-P- 5204 de Cedofeita, Arante e Regocorto, e da LU-P- 5205 de Porto a Vilaosende. Asemade, cabe destacar as melloras que se levarán a cabo en 4,7 quilómetros das vías provinciais que transcorren polo concello do Corgo (LU-P- 1603 de Gomean a Maceda, LU-P- 1605 de Cabreirós a Arxemil, e LU-P- 1608 na Campa, Farnandeiros-Quinte).

O Goberno Provincial mellorará tamén 4,6 quilómetros da LU-P- 1109 de Cornide a Arcos e da LU-P-1107 de Castro a Rábade, todo elo no Concello de Castro de Rei. En Paradela, os treitos que se acondicionarán suman 3 quilómetros e afectarán ás estradas LU-P- 4201, dende Pacios a Mosteirovello, e LU-P-4202, de Aldosende-Currelos.

En Ribas de Sil se acondicionarán 3,1 quilómetros da LU-P- 5301 de San Clodio ao Alto da Cruz; en Pol serán 2,2 quilómetros da LU-P-4601, que vai de Fonfría a Pol por Rioxán e dun treito do Cinto Comarcal LU-P-1611; e en Cospeito, 1,8 quilómetros da LU- P-6501 de Vilalba a Feira do Monte. En Quiroga, a Deputación acondicionará 2,2 quilómetros da LU-P- 5001 dende Ponte Barreiro a Vilarbacu,  e LU-P-5005 dende o Alto de Aldriz a Vilar de Lor.

Campos Conde lembrou tamén que “dentro da aposta do Goberno por reivindicar unha Deputación coas persoas, social, e rural”, o executivo ten aprobadas inversións por valor de 14 millóns de euros para realizar melloras en 240 quilómetros de estradas de 53 Concellos, co fin de mellorar as infraestruturas que dispoñen os veciños da provincia, especialmente no rural, e reivindicando a igualdade de oportunidades vivas onde vivas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo