A Deputación promove un ciclo de conferencias sobre o cambio climático e o sector agrario en Galicia

O Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, inaugurou este mediodía o ciclo de conferencias Luis Asorey que acolle o salón de actos do Pazo de San Marcos dende hoxe e ata o vindeiro mércores 22 de novembro, baixo o título O cambio climático e o sector agrario en Galicia. Trátase dunhas xornadas gratuítas, organizadas dende 1989 polo organismo provincial e a Real Academia Galega de Ciencias, coa colaboración da Universidade de Santiago, e que cada ano aportan a análise de expertos no campo das ciencias medioambientais.

Fernández Queipo subliñou que “o compromiso da Deputación de Lugo co aforro enerxético e coa redución de emisións de gases de efecto invernadoiro é claro. Sen ir máis lonxe, hoxe o profesor Antonio Rigueiro presentaranos o proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, que lidera o Concello de Lugo, xunto coa Deputación, a Universidade de Santiago de Compostela e a Politécnica de Madrid, cun orzamento total que supera os 3,5 millóns de euros, dos cales a Deputación aporta máis de 500.000 euros”.

O obxecto principal deste proxecto é a realización de accións de desenvolvemento sostible que contribúan a frear o cambio climático, como o acondicionamento dunha parcela de cultivos para producir biocombustibles, a construción dun edificio piloto en madeira con consumo enerxético cero, ou o deseño dun catálogo de solucións de deseño urbano para axudar a frear o cambio climático.

O Deputado de Medio Ambiente engadiu que “en xuño deste ano presentamos o proxecto ILUMIN@ un novo programa de aforro enerxético gratuíto dirixido aos Concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes para dotar de novo equipamento enerxético de baixo consumo a instalacións públicas municipais e continuar coa redución de custos pola luz. Xa no ano 2016, a Deputación concedeu 1.500.000 euros aos Concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes para actuacións no marco do aforro e a eficiencia enerxética, en concreto para actuacións en instalacións de alumeado público, instalación de caldeiras de biomasa e mellora da envolvente térmica en edificios de titularidade municipal”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo