A Deputación promove un simposio sobre enerxía e clima aberto ao público

O Goberno da Deputación promove o vindeiro martes 20 de marzo un simposio sobre enerxía e clima aberto ao público e totalmente de balde, así o avanzou o Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo. Fixoo antes de inaugurar a exposición sobre o cambio climático e a enerxía, organizada polo Goberno da Deputación, co apoio de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia), que estará aberta ata o vindeiro sábado 24 de marzo no Pazo de San Marcos. No acto tamén participou o responsable deste colectivo, Fins Eirexas. O Deputado de Medio Ambiente explicou que “estes proxectos enmárcanse na iniciativa global A Hora do Planeta, que se celebra mundialmente o último sábado do mes de marzo de cada ano e consiste nun apagamento eléctrico voluntario durante unha hora”.

Fernández Queipo subliñou que “no simposio da vindeira semana contaremos coa participación de reputados expertos no estudo do cambio climático, a contaminación atmosférica e lumínica, así como o aforro enerxético. Como clausura para a xornada haberá un roteiro vespertino urbano pola cidade de Lugo para avaliar a contaminación lumínica e a problemática da iluminación exterior”.

Por outra banda, o Deputado explicou que “a mostra que hoxe inauguramos está composta por 13 paneis e elaborada coa colaboración do CENEAM (Centro Nacional de Educación Ambiental) co obxectivo de achegar a problemática do cambio climático, os seus impactos e consecuencias dende a perspectiva da acción social”.

Esta exposición nace do Proxecto Europeo de Acción Educativa polo Clima, Clarity, para contribuír ao coñecemento do fenómeno do cambio climático, as súas causas e as respostas que se poden artellar para facerlle fronte, tanto por parte das institucións e das empresas, como pola da cidadanía.

Nos paneis repásanse as causas e consecuencias do cambio climático, e como este fenómeno afecta aos ecosistemas e á sociedade. Unha parte importante da mostra traballa as accións e actitudes positivas que debe emprender a cidadanía para mitigar os efectos do quecemento global, e como tamén os Gobernos, Concellos e ONGs poden contribuír.

A mostra permanecerá aberta até o vindeiro sábado 24 de marzo, data na que centos de cidades de todo o planeta apagarán a iluminación dos principais monumentos públicos entre as 20:30 e as 21:30 horas. A Deputación de Lugo tamén se une a esta iniciativa denominada A Hora do Planeta.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com