Despois do ‘Día das Letras’

A algunha autoridade escóitelle dicir que nunca coma este ano se vira consolidado o Día das Letras Galegas, chegando ao cerne da celebración con esta dedicada a Carlos Casares.

Non serei eu quen leve a contraria a ningunha autoridade neste tema, aínda que lembro a brillantez do pasado ano na honra de Manuel María, o poeta da Terra Chá, e dous anos antes a de Díaz Castro, que aquela si que foi brillante, tanto que aínda duran as celebracións porque Xermolos e os chairegos manteñen viva a súa memoria e teiman por restaurar a casa que foi do escritor para convertela na Casa dos Escritores e da cultura da Terra Chá.

É verdade que este ano se cumpriu brillantemente o rito. Que houbo actos en toda Galicia especialmente en Xinzo, onde Casares pasou a nenez; que os xornais sacaron a súa primeira páxina en galego, como todos os anos; pero tamén que houbo manifestacións pedindo máis galego para que os nenos que entran no colexio falando en galego non saian falando en castelán.

Antes, que o idioma estaba case proscrito, cando estaba mal visto falar galego, cando non se falaba na escola, na Igrexa, na medicina… cando os galegofalantes éramos tildados de pailáns, de desafectos, de incultos, e o falar galego estaba a cargo dunha reserva de nostálxicos, o idioma triunfou, fortaleceuse, e conseguiu un papel preponderante na sociedade… Hoxe, cando non hai problema por falar galego nos medios, os xornais non o rexeitan, na escola protéxese e promóvese, na Igrexa non está expresamente prohibido, e na medicina ven sendo idioma usual, con festa anual incluída, o galego non progresa senón todo o contrario. Os rapaces falan galego cada vez menos, e a cotío érguense voces pedindo protección para o noso protexido idioma, ao que parece que lle senta mellor a prohibición que a protección.

Tantos anos despois do Informe dramático sobre a lingua galega de Alonso Montero, o galego preocupa. Non o falan os nenos nin os rapaces… Facémoslle festa, pero hai quen opina que o que lle facemos son os funerais, porque a súa actual situación é a Crónica dunha morte anunciada. Non é para tanto, pero algo falla na Galicia de hoxe cando nenos e rapaces non falan en galego, a pesar da inmersión lingüística á que os sometemos. Para pensar, precisamente dous días despois do Día das Letras Galegas.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com