Días de cine en Lugo

En Lugo, vimos de vivir días cine coa Semana de Cine de Autor que desde o día 10 ata este venres encheu de maxia o Auditorio e tamén o Museo Provincial, a Deputación, o antigo Cárcere, a Biblioteca Provincial e o Vicerreitorado da Universidade, que se volveron cines no que semella resurrección do tempo no que había catro locais dentro de murallas e dous na rúa de García Abad.

Foi esta unha Semana especial; a XL das celebradas desde aquel 1979, no que co apoio do Ministerio de Cultura, se organizou a primeira, na que impactaron “El huevo de la serpiente”, de Bergman, ou “Z, anatomía de un asesinato” de Costa Gavras; cine infantil con películas que viñan do Festival de San Sebastián, e curtas galegas como “O pai de Migueliño”, “O herdeiro”, “Fendetestas” ou “O cadaleito”, sobre un conto de Fole.

39 anos despois, rendeuse o pasado luns homenaxe ao que en 1979 era Delegado do Ministerio de Cultura, Guillermo Fernández Otero, que logrou que Lugo creara unha semana de cine como conseguiu daquela que o grupo Fuxan os Ventos, creado por Xesús Mato, fixeran unha gran campaña de espallamento da música popular na montaña lucense, actuando en ducias de lugares que nunca viran un recital de canción en galego.

Guillermo Fernández Otero fóra durante moitos anos alcalde de Monforte de Lemos, Deputado Provincial, e representante da Casa de Alba en Galicia. A homenaxe rendéuselle pola súa preocupación pola cultura, polo apoio ao cine, polo talante e pola acollida á idea. Como el, físicamente, xa non puido recibilo, fíxoo no nome da familia o seu fillo Edgard Fernández Cloos, maxistrado da Audiencia provincial de Lugo.

Outra homenaxe rendeuse a unha lucense que foi moi grande no cine español e hispanoamericano. Chamábase Rosario Durcal, naceu na Ronda, case enfronte da porta de San Fernando, e ven de renacer en Lugo, coa presentación do libro homenaxe de Manuel Curiel, e para o que veu a Lugo desde México o seu fillo, o actor Luis Xavier Cavazos Sanz.

O cine é unha fábrica de soños. Estes días, en Lugo, tivemos unha potentísima fábrica de ilusións, para maiores e nenos, coa que poder disfrutar e seguir soñando cos milleiros de mundos que o cine ofrece e nos que pola maxia da sétima arte podemos entrar.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com