Educación arranxa os danos do temporal en centros escolares

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está levando a cabo obras de reparación en centros escolares de toda Galicia co fin de arranxar os danos provocados polo forte temporal de vento e choiva acontecido que afectou a Galicia a principios deste mes.

Precisamente hoxe o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, desprazouse ao concello lugués de Sober, para visitar o CEIP Plurilingüe Virxe do Carme, un dos afectados polas adversas condicións climáticas de días atrás. O responsable do departamento educativo do Goberno galego comprobou in situ os traballos levados a cabo na cuberta do centro, que resultou danada polo temporal. Trátase dunhas obras ás que a Consellería destinou un total de 35.000 euros, e que se desenvolveron no mínimo tempo posible.

Cómpre lembrar que neste centro a Consellería leva investidos uns 175.000 en diversas melloras desde o ano 2009. Precisamente, ao abeiro do Plan de eficiencia enerxética, o curso pasado acometéronse traballos de revestimento do pavillón polideportivo deste centro, mellorouse a instalación eléctrica e colocáronse persianas de aluminio, entre outros.

Igrexa de Pinol

Posteriormente o conselleiro desprazouse á Igrexa de San Vicente de Pinol, onde a Consellería prevé acometer obras de mantemento e restauración por un importe que acadará os 205.500 euros. Actualmente estanse levando a cabo os trámites administrativos pertinentes coa previsión de que, ao longo do vindeiro mes de marzo, se liciten as obras.

A Dirección Xeral do Patrimonio xa elaborou un proxecto de intervención co obxecto de manter a funcionalidade e habitabilidade do templo e protexer e conservar as pinturas murais e o artesoado da cuberta, que datan do século XVI. Isto require que, con carácter previo, se melloren as condicións de humidade da igrexa.

De acordo co recollido no proxecto, os traballos máis relevantes son a eliminación de entrada de humidade pola cuberta, polos paramentos e polo chan; e a restauración da portada e rosetón, da escaleira de acceso á espadana, das carpinterías e ferraxería e da instalación eléctrica e o alumeado.

Na súa visita a Sober, o conselleiro estivo acompañado co alcalde da localidade, Luis Fernández Guitián; do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; e da directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua; entre outros.

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com