El Sevilla, Coro Uganda Natumayini e Jeff Toussaint visitarán Burela este trimestre

A axenda cultural do Concello de Burela para o primeiro trimestre deste 2018 inclúe monólogos, teatro, cine, rastrillo popular e o musical infantil El gato con botas. Por Burela pasarán ademáis estas semanas figuras da comedia como El Sevilla, Luís Zahera, Miguel Lago ou Carlos Blanco, entre outros. E tamén estarán na localidade o Coro Uganda Natumayini, o grupo de jazz Sumrrá e o mentalista televisivo Jeff Toussaint.

O concelleiro de Cultura, José Díaz, salientaba hoxe na presentación desta axenda que “os obxectivos mantémolos igual ou parecidos aos do 2017. O ano pasado funcionounos ben, tanto en resposta de público como en todo en xeral. Entón mantemos esa idea de combinar artistas de calquera tipo tanto en música como baile, humor e teatro de primeiro nivel con teatro afeccionado da zona, e con esas cousas que sempre estamos a programar no Concello de Burela como son o cinema bastantes domingos ao mes, ás seis e media, ese Burela de Cinema con sesión infantil gratuíta para as familias. E tamén o mercadiño popular solidario, é parte da programación cultural sempre os segundos domingos de mes”.

O edil burelés detallou que “en xaneiro imos facer só dous eventos de pago a prezos bastante accesibles porque vimos do Nadal, que son datas nas todas as familias gastan diñeiro e está ben que podamos aforrar un pouco”. O concelleiro avanzou así que este mesmo venres, día 12 de xaneiro arrancará esta programación coa actuación de El Sevilla, para a cal se pode coller a entrada -dende 9 euros- tanto na internet como no Os meus en Plas e na Biblioteca Pública, todo en venda anticipada. “O outro evento de pago que haberá en xaneiro será o venres 26 co Coro Uganda Natumayini, que xa estiveron aquí en 2015 con moitísimo éxito, son unha serie de músicos de Senegal que cantan a capella”, para esta última actuación non habería dispoñible venda por internet pero sí en formato físico en calquera das ubicacións antes citadas.

Díaz contou que “en febreiro o máis destacado serán os dous monólogos que hai. Un deles o de Miguel Lago, que todos coñecemos a nivel nacional, un dos monologuistas máis importantes agora mesmo no panorama humorístico e que estará aquí o día 4 de febreiro, ás oito da tarde. Outro monólogo que haberá é o de Luís Zahera, titúlase Chungos e será o venres 16 ás nove da noite.  Por último temos a finais de febreiro, o domingo 25 ás oito da tarde, un concerto de música jazz cun grupo galego de moitísimo nivel,  que se chama Sumrrá”.

O edil socialista seguiu a relatar que “marzo o temos bastante concorrido de eventos con teatro afeccionado con Aldala e Árdora Teatro, o primeiro de Fazouro e o segundo de San Ciprián. Temos o primeiro musical do ano, destes que sempre congregan a moitísimo público familiar aquí en Burela, tanto do noso concello como dos concellos veciños, que é El gato con botas. Temos outro monólogo dun humorista que é xa case un pouco de Burela porque nos dous últimos anos e medio viño a presentarnos todo o que leva facendo, Carlos Blanco”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com