En Marea reclama a creación de novos puntos de encontro familiar na provincia

A necesidade de dotar de novos puntos de encontro familiar a Lugo chega ao Parlamento da man de En Marea. A formación insta á Xunta de Galicia a mellorar o servizo actual coa creación de novas unidades que dean cobertura ás áreas norte e sur da provincia. Preténdese rematar así cos longos desprazamentos que deben afrontar actualmente os usuarios. Pero tamén mellorar as instalacións existentes na capital, ubicadas nunha zona escasamente accesible e mal iluminada; e dotadas de medios materiais e humanos insuficientes.

Vista a importancia deste servizo, En Marea ve necesario que a administración autonómica tome medidas e aporte os medios suficientes para a mellora do mesmo. E é que na provincia de Lugo existe actualmente un único punto de encontro familiar, situado na capital. Unha circunstancia que obriga ás persoas das comarcas da Mariña e ás do sur de Lugo a facer longos desprazamentos, en ocasións varias veces á semana, para as visitas estipuladas no PEF.

Así as cousas, a formación aposta pola creación de dous novos puntos de encontro familiar nas zonas norte e sur da provincia lucense. Pero tamén pola mellora do existente, situado “na Canella da Deputación; unha zona mal iluminada e con pouca accesibilidade. Ademais, igual que outros PEF, ten falta de material e de recursos humanos“. Unhas carencias que se evidencian no peche das instalacións que se producirá este verán, durante a primeira quincena de agosto.

En Marea lembra ademais que a día de hoxe a xestión dos PEF está externalizada. Concretamente, o de Lugo está xestionado pola Asociación Dignidade. Así as cousas, a formación insta á Xunta de Galicia a facerse cargo das carencias existentes e a actuar coa máxima premura para extender a cobertura deste servizo a todas as comarcas galegas, durante todo o ano e de xeito regular. Algo que non está a acontecer actualmente pois, tal e como lembra a deputada Paula Vázquez Verao, o actual modelo non permite ofrecer unha atención estandarizada no conxunto do territorio galego.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com