Entregadas ao Seprona de Xove tres novas motocicletas

O subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, xunto ao coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Lugo, Miguel Ángel González Arias, e o tenente xefe da Sección do Seprona, Carlos Rodríguez, presentaron esta mañá tres novas motocicletas que se veñen de incorporar ao parque móbil da Garda Civil de Xove.

Trátase de tres motocicletas tipo todoterreo que o Organismo Autónomo de Parques Nacionais, dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e Medio Ambiente, vén de poñer a disposición das patrullas do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil de Xove para reforzar a vixilancia e protección dos espazos naturais, especialmente dos enmarcados na Rede Natura 2000. Estas motocicletas forman parte dun paquete total de 17 que se veñen de entregar para vixiar espazos protexidos en dez provincias españolas.

O subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, agradeceu a entrega destes vehículos por parte do Organismo Autónomo de Parques Nacionais e salientou que, deste xeito, se dota á Garda Civil de “ferramentas adaptadas ás súas necesidades” para poder desenvolver “de xeito eficaz a inspección, control e denuncia de actividades ilícitas que poñan en perigo o noso patrimonio medioambiental”. A incorporación destas motocicletas, engadiu, “repercutirá de xeito moi positivo na calidade do servizo que presta o Seprona”.

Prevención dos danos ambientais

O Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil leva a cabo un importante labor para a protección e conservación da natureza e o medio ambiente, os recursos hidráulicos e a riqueza cinexética, piscícola e forestal. Esa encomenda implica, por un lado, levar a cabo un labor preventivo, para protexer e preservar a natureza e, por outro, (e precisamente a raíz desa labor preventiva) posibilita a detección, persecución, investigación e denuncia, no seu caso, dos feitos ilícitos que poden danar o medioambiente.

No acto celebrado esta mañá fíxose un repaso polos numerosos servizos prestados ao longo deste ano pola patrulla do Seprona en Xove, posta en marcha no ano 1999, destacando os relativos a vixianza e control do furtivismo, do transporte de pescado por estrada ou da pesca mariña, a vixianza do patrimonio histórico e cultural, a prevención e investigación de lumes forestais así como a vixianza e control de residuos.

Ademais de en Xove, o Seprona conta na provincia con outras patrullas en Lugo, Baralla, Monforte, Ribadeo e Vilalba, ademais dun Equipo de Investigación.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com