“Estamos ante unha retirada virtual da Ordenanza Mordaza, non real”

A Plataforma Lugo Sen Mordazas compareceu hoxe ante a prensa para esixir ao goberno local garantías formais da retirada da que chaman, Ordenanza Mordaza. A Plataforma cidadá considera insuficiente a declaración da rexedora sobre o tema e non a consideran “efectiva”. Asemade, aseguran que seguirán vixiantes ante a moción que o PP pretende levar ao pleno de outubro na que pedirá que se continúe a elaborar esta ordenanza. Lugo Sen Mordazas asegura que a aprobación desta proposición podería resucitar esta normativa.

“Non se pode considerar efectiva a marcha atrás do goberno local se non foron informacdos nin o resto dos grupos políticos que forman a corporación nin a sociedade polas canles formais que corresponden a unha rexedora”, aseguraban os membros da plataforma, “estamos simplemente ante unha retirada virtual e non real”.

O certo é que esta agrupación xa advertiu que seguirá a súa actividade de protesta e sensibilización, aínda que o goberno de Lugo non siga adiante coa Ordenanza Cívica, pois aseguran que aínda “queda moito por facer para que as mordazas desaparezan da sociedade lucense” pero, polo momento, “priorizan a esixencia de garantías” de que realmente se pecha o traballo sobre esta normativa municipal.

Ademáis desto, a plataforma aproveitou para denunciar un “aumento inxustificado” dos controis policiais e da represión “con afán censor de persecución política e discriminación socioeconómica”, unha crítica para a que puxeron como exemplo recentes actuacións de sancións “desmesuradas” ante certas actividades como pegar caraces ou colgar avisos na rúa. Unha “limpeza selectiva” que compararon coa ausencia de sanción a quen colocou os anuncios comerciais dos clubes de alterne “sen consecuencias legais”, algo que cualifican como a proba de que a intención do goberno é “censurar e castigar as mensaxes que lles molestan”.

Lugo Sen Mordazas advirte que “permanecerá vixiante” ante os intentos de aprobar unha Ordenanza Mordaza a través de “manobras como o endurecemento e ampliación doutras ordenanzas xa vixentes”.

A Plataforma seguirá coas súas asembleas regulares, a próxima este luns 22 ás 20:00h na Cova do Raposo (Rúa das
Nóreas, 3) e a vindeira acción programada son unhas xornadas que xa se están a organizar sobre modelos de cidade e xestión urbana alternativa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com