Estudos e títulos

Acostumamos a ver aos políticos como seres diferentes a nós (que o son, só polo temple que demostran), que non sofren nin padecen, que poden resistir calquera acoso, mentir cando faga falla, falar cando non teñan nada que dicir… porque a verdade é que non temos demasiado bo concepto da clase política, porque hai bastantes exemplares que deron e dan motivo para pola nosa parte cometer o pecado da xeneralización.

Proba de que senten e padecen foi o caso de Rita Barberá, xa que o seu corazón non deu resistido a presión á que foi sometida.

E non quixera estar na pel de Pablo Casado, Presidente do PP, inocente ou non, ao saber que a xuíza instrutora estima que puido haber delito no caso do seu Máster, e pásalle o asunto ao Tribunal Supremo para que cando proceda decida sobre o tema.

No estúpido complexo de titulitis que nos invade desde hai moito tempo, cada quen esgrime os títulos que posúe, coas denominacións máis rimbombantes posible, da por rematadas carreiras das que só ten cursadas algunhas asignaturas, e redondea currículos pensando que dese xeito gaña prestixio e respecto entre os que presupoñan o elevado dos seus coñecementos. E isto funciona ata o momento en que a súa oratoria delata as carencias, correlixionarios ou opositores analizan traxectorias e presencias, ou xornalistas de investigación empezan a tirar dos fíos que sempre colgan do pasado de calquera protagonista político.

Hai que ter moito temple para resistir impávido un longo proceso xudicial, semellante á espada de Damocles, ou ao medo dos galos de Astérix de que o ceo caese sobre as súas cabezas.

E se algúns políticos sofren, o prestixio dos másteres cuestiónase, e de xeito indirecto págano milleiros de persoas estudosas que empregaron diñeiro, esforzo e tempo en coroar dignamente a formación imprescindible para empezar a andar na  sociedade da que formamos parte. Co conseguinte cabreo dos que a duras penas -non por capacidade,  senón por medios- remataron unha carreira pero nunca puideron matricularse nun máster.

Hai uns anos déronme un traballo feito por min medio século antes, na Academia Santa María de Vilalba, que un profesor coidadoso conservou. Agora, polo que se ve, nin os traballos de algúns másteres se gardan en algunhas universidades.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com