O GMPP solicita a creación dun grupo de Policía Xudicial de Tráfico e outro Administrativo

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Enrique Rozas, solicitou hoxe “a creación no corpo da Policía Local dun grupo de control xudicial de tráfico e outro administrativo para o control do cumplimento das ordenanzas ditadas polo Concello”. Rozas asegurou que “a creación destes grupos específicos terá importantes beneficios para a cidadanía, xa que non podemos pretender que a Policía Local sexa un corpo polivalente, como se quere dende o goberno local”.

O vicevoceiro popular explicou que “a creación do grupo especializado en tráfico é, ademais, unha petición expresa da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, xa que esta unidade se encargaría de realizar informes criminolóxicos referidos a unhas causas determinadas, como poden ser altos graos de alcohol e drogas ou accidentes de tráfico graves con resultado de morte”.

A creación desta unidade especializada en tráfico non suporía un problema para o corpo de Policía Local de Lugo “xa que hai xente moi ben formada e moi dilixente na materia”. Rozas explicou tamén que na Academia Galega de Seguridade rematou a formación de varios axentes dos diferentes corpos de Policía Local de Galicia, entre eles, varios axentes de Lugo que son diplomados en criminoloxía.

Ademais, como complemento, o vicevoceiro popular propón “a formación dun grupo administrativo para o control das ordenanzas ditadas polo Concello”.

Reestructuración da Policía Local

Á proposta de creación destas dúas unidades engádese a proposta que se realizou noutras ocasións dende o Grupo Municipal do Partido Popular para a reestructuración da Policía Local. O vicevociero popular Enrique Rozas explicou que a reorganización ten que darse sobre tres eixos: “cómpre reforzar as patrullas de proximidade con efectivos das vacantes dispoñibles; descentralizar o servizo creando unha nova delegación na zona norte da cidade, ademais de crear outra para tarefas administrativas en dependencias municipais, xa sexa no propio Concello ou no edificio administrativo, e, finalmente, é preciso mellorar a especialización dos axentes, tal e como propuxemos hoxe de novo”.

Dende o Grupo Municipal do Partido Popular plantéxase esta reforma porque se considera que “é preciso impulsar un novo modelo policial, máis preto dos cidadáns”. Neste senso, o popular explicou que “coa creación destas novas delegacións gañarase en operatividade e será máis sinxela a atención aos veciños”.

Outro eido moi importante para os populares é intensificar os servizos de patrulla na rúa para que a presenza de axentes “sexa algo habitual nos distintos barrios da cidade”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo