A gran mostra sobre o traxe aldeán de garda das terras de Lugo xa está no Centrad

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, presentou esta mañá, no CENTRAD, a primeira gran mostra sobre o traxe aldeán de garda das terras de Lugo que acollerá a Capela de Santa María dende o 5 abril ata o 1 de xullo. No acto estivo acompañada por representantes de Traxandaina, coordinadores da mostra. Ademais desta gran exposición, o Goberno da Deputación ten preparadas outras actividades complementarias como unha xornada sobre a vestimenta e folclore da provincia, un obradoiro de confección de saias e un calendario con visitas guiadas a cargo dos responsables desta exposición.

García Porto explicou que “é unha colección de 25 traxes, composta de prendas orixinais e reproducións, que se complementan con pezas de ourivería compostelá, así como por pezas singulares. As pezas, foron recollidas polo colectivo Traxandaina, en casas por toda a provincia, coa finalidade de salvagardar o noso patrimonio cultural”. Nese senso  convidou a todos os colectivos culturais da provincia a visitar esta mostra.

A Deputada remarcou “que os traxes son feitos e lucidos ao final do s.XIX e principios do s.XX cando a revolución industrial aínda non mudara tódolos tecidos que ata daquela se empregaban na nosa terra. Tamén se poderán ver pezas de pano sedán que por aquel entonces era o máis prezado, ademais de mandís, mantelas, refaixos, camisas de liño ou mantillóns de gala, entre outros”.

García Porto sinalou que “con esta exposición contribuímos a dar coñecer e poñer en valor unha parte da nosa historia, cultura e tradicións, e neste caso, a través das nosas vestimentas, e tamén difundimos o traballo de recopilación feito por artesáns da provincia. Estas pezas son os traxes que usaban as mulleres do rural para lucir os días de feira, os domingos para ir á misa ou “domingar”, e que, como norma xeral, son as mellores prendas que usarían na súa vida”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo