Lecer e cultura únense en Viladonga para celebrar o Día dos Museos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra no Castro de Viladonga o Día dos Museos cunha variada programación lúdica e cultural que inclúe a tradicional visita nocturna ao castro, o vindeiro sábado día 20.

Os actos de celebración comezan hoxe, cando se celebra en todo do mundo o Día Internacional dos Museos, que este ano leva por lema Museos e historias controvertidas: Dicir o indicible nos museos. O Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga acolle con tal motivo un obradoiro de forxa tradicional a cargo de Friedrich Bramsteild.

Friedrich Bramsteild é un ferreiro austríaco que recuperou a actividade do mazo hidráulico de Santa Eulalia de Oscos, zona de gran tradición na forxa e ferro; fará unha demostración do traballo de forxa para todos os públicos e realizará un obradoiro na que os participantes poderán elaborar as súas propias pezas en ferro.

Como ven sendo habitual, a programación en torno ao Día dos Museos en Viladonga complétase coa xornada festiva do sábado, que inclúe actividades diversas a partir das 17.30 horas.

Dende ese momento sucederanse, en diversos espazos, un obradoiro de creación de brinquedos; os xogos infantís tradicionais Xogando Miudiño, actividades lúdicas e culturais para todos os públicos a cargo da entidade Miudiño, e a actuación de Cé Orquesta Pantasma.

Ás 20 horas a sala de actos do museo acollerá a actuación de Davide Salvado e Pedro Pascual. Posteriormente ofrecerase un viño, petiscos e queimada, antes de iniciar a tradicional visita nocturna ao castro, a partir das 22.30 horas. O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, visitará o museo na tarde do sábado para facer un percorrido polas distintas actividades.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo