Loitar contra invasións

 

Desde pequeno, escoite dicir aos maiores que a picadura da abella é molesta pero non mortal, a menos que fosen moitísimas as que atacasen a unha persoa, pero si podía ser mortal a de unha avéspora/avespa, supoño que segundo a sensibilidade da persoa.

Pero a globalización, con todas as súas vantaxes, ten algúns inconvenientes como é a invasións de especies foráneas especialmente virulentas e en moitos casos mortais.

A avespa velutina chegou de Asia, entrando en Galicia polo porto de Burela en 2012, pero tamén desde Portugal, o mesmo ano, tendo xa invadido Francia entrando por Burdeos no 2004, e en 2010 polo leste do Estado. Pero en Galicia parece ter atopado excelente lugar para multiplicarse ata converterse nunha auténtica praga e un grave problema, do que aínda non nos damos boa conta.

Ata hai pouco tempo, o problema foi esencialmente rural, pero estase a estender ás zonas urbanas, e na capital lucense xa temos varios exemplos de colonias destes virulentos animais, que en principio non atacan se non se ven en perigo pero poden interpretar como perigoso calquera movemento humano que detecten preto do avespeiro.

Os servizos da Xunta de Galicia –colapsados por esta praga- están combaténdoa con todos os seus efectivos e forzas, e eu teño proba da súa efectividade nun caso que me afectou, pero as institucións deben acometer conxuntamente a loita contra este gravísimo problema que xa causou varias mortes de persoas alérxicas ao mortífero picar destas avespas.

A alcaldesa de Lugo, con motivo da anual cerimonia do voto a San Roque en agradecemento da súa intercesión nas pragas e morte que asolaron Lugo en 1768, lembrouse da velutina para pedir a intercesión do santo neste gravísimo problema.

Polo que logo souben, ao Bng municipal –que non asistiu á cerimonia do voto- pareceulle mal a invocación, pedindo esforzo municipal e doutras institucións para erradicar o problema, antes ca oracións.

Certo que o problema é terreo, rural e urbano, con perigo grave para todos, polo que o que hai que pedir é información detallada sobre o tema e loita decidida das institucións (central, autonómica e municipais) para erradicar o mortífero inimigo que se nos meteu na casa con vocación de permanecer e proliferar.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com