Lugo acollerá o XVIII Torneo Prebenxamín Fútsal Terra e a Escola Terra de Fútsal Feminina

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, o presidente do Prone Lugo AD, Ovidio Pérez, un membro da directiva deste club, Manuel Vázquez, e o presidente do Club Adarve Lugo FSF, Juan Carlos Rodríguez, presentaron este venres no Salón de Plenos o XVIII Torneo Prebenxamín Fútsal Terra e a Escola Terra de Fútsal Feminina, que organizan estes clubs coa colaboración do Concello.

No acto de presentación, Miguel Fernández subliñou a traxectoria deste torneo, que chega este ano á súa edición número 18, e amosou a súa ledicia pola organización desta escola de fútbol sala feminino. Tamén felicitou aos dous clubs, Prone e Adarve, polo traballo que levan coa canteira base e animounos a seguir coa súa liña de traballar. O edil, quen augurou un éxito deportivo e de público a este torneo e a escola feminina, convidou aos nenos e nenas a participar nestas interesantes actividades.

“Enmárcase no noso compromiso por fomentar o deporte de base e a igualdade en todos os ámbitos, sinal de identidade desta Concellería de Deportes”, destacou Fernández, quen fixo fincapé no potencial deste torneo, que abre as portas de Lugo aos máis 550 participantes e ao redor duns 1.500 espectadores.

Pola súa banda, os membros do Prone Lugo insistiron na importancia do deporte base ao tempo que agradeceron a colaboración do Concello con este torneo e o respecto da institución co deporte base. Ademais, este evento deportivo contará coa retransmisión das fases finais por vía streaming.

Finalmente, o representante do Adarve Lugo subliñou a importancia da creación desta escola de fútbol sala feminino, para que as nenas vaian dende pequenas cunha progresión deportiva, encamiñadas a que nun futuro formen parte dun equipo representativo da cidade.

O torneo terá lugar os días 6, 13, 20, 27 de maio e 3 e 10 de xuño, no Centro Deportivo Terra e poderán participar todos aqueles nenos e nenas nados entre o 2009 e o 2012. A inscrición é totalmente gratuíta e pode facerse ao longo do mes de abril a través da plataforma Leverade. Máis información en eventos@pronelugofs.es ou no teléfono 662.336.421.

A Escola Terra de Fútsal Feminina, que tamén se celebrará no Centro Deportivo Terra, contará coas categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete. As probas de captación serán nas primeiras quincenas dos meses de xuño e xullo. A través do correo electrónico futsalfemenino@pronelugo.es poden realizarse consultas ou inscricións.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com