Lugo acollerá por primeira vez a Copa Princesa de Baloncesto

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Deputación, Darío Campos, o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, o Deputado de Deportes, Pablo Rivera, e o presidente do Cafés Candelas Breogán, Jesús Lázare, presentaron este luns a XXVI Edición da Copa Princesa de Baloncesto Masculino, que por primeira se disputará en Lugo. Concretamente será o sábado, 3 de febreiro, ás 20:45 horas no Pazo Provincial dos Deportes.

No acto de presentación, que xirou ao redor da copa que será entregada ese mesmo día, a Alcaldesa non deixou pasar a oportunidade de felicitar ao club, representativo de Lugo, por organizar esta Copa Princesa, e máis aínda polo que supón neste caso, ser o primeiro clasificado da Leb Ouro.

Lara Méndez e Darío Campos animaron a todas as persoas afeccionadas a este deporte a gozar, non só do partido en si, senón tamén de todas as actividades lúdicas e deportivas que terán lugar durante toda a xornada. Conscientes da cantidade de xente que logra desprazar este evento, co que colabora Concello e Deputación, convidaron a todas e todos os que acudan a Lugo por esas datas, a que gocen da cidade, da hospitalidade das súas xentes, e que comproben que a afección luguesa é deportiva e respectuosa co resto dos equipos.

Pola súa banda, Miguel Fernández amosouse convencido do éxito desta edición da Copa Princesa, pois tanto o club organizador, como a propia cidade de Lugo, están acostumados, e cada vez máis, á celebración deste tipo de acontecementos, tales como a Copa Princesa de Voleibol feminino, a Volta Ciclista a España ou Xogos do Eixo Atlántico, entre outros eventos multitudinarios.

Nesta liña insistiu Pablo Rivera, quen remarcou “que esta Copa Princesa é un evento histórico importante para a toda a provincia de Lugo, xa que é a primeira vez que se disputa aquí”. Lembrou que o Goberno da Deputación “é a institución que máis colabora co Club Baloncesto Breogán, concretamente nesta celebración, así como que a Deputación acometerá obras de melloras e acondicionamento no Pazo dos Deportes, para cumprir coas expectativas da Federación Española de Baloncesto”, explicou.

Rivera Capón sinalou que ademais destas melloras súmanse obras que xa se executaron no Pazo dos Deportes e na súa contorna. Concretamente, realizáronse obras de repintado nas liñas de aparcadoiro, o lixado e barnizado da pista central do Pazo, novos marcadores no anexo, así como as novas canastras que se instalaran nas zonas exteriores.

Para rematar, Jesús Lázare mostrouse ilusionado coa organización do evento, máis tendo en conta que lle corresponde ao equipo líder da competición no momento de rematar a primeira fase.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo