Lugo amosará a súa repulsa ante a violencia machista

Lugo tinguirase de negro, por segundo ano consecutivo, para amosar a súa repulsa ás violencias machistas. Faino baixo a campaña conxunta de sensibilización no marco do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se conmemora o vindeiro día 25 de novembro, coa denominación En Negro Contra a Violencia, á que se sumou tanto o Concello como a Deputación de Lugo. Trátase de facer visible a protesta contra as violencias machistas a través dunha campaña na que participan establecementos hostaleiros, comercios, empresas, asociacións, clubs deportivos ou centros escolares, a través de camisetas, mandís, pulseiras ou outros distintivos que amosen, con contundencia, a repulsa da sociedade a un problema público, a violencia machista.

Faise ademais de xeito global e transversal, con coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticos, implicando ao tecido económico, social e cultural, para identificar e transmitir a mesma mensaxe a través da cor negra.

Así o deron a coñecer esta mañá a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, e a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, que coincidiron na sensibilización da cidadanía para acabar con esta lacra social, con 90 feminicidios ao longo deste ano, 49 deles oficiais e o resto en investigación.

No acto,  González Abelleira, pediu coordinación ás administracións e entidades que participan na loita contra a violencia de xénero, “porque debemos ter vergoña das cifras que se manexan nesta materia”. Así mesmo agradeceulle á todas e todos os participantes que se uniron ata o momento, uns 300 na cidade, e que queren, xunto ao Concello e Deputación, que non exista un caso máis de violencia machista. Tamén convidou a todos os que queiran a participar a anotarse a esta visibilización conxunta, “porque se incrementan os casos de violencia de xénero, porque aumenta nun 22% o número de denuncias e porque a Administración Autonómica, na súa última campaña, cosifica ás mulleres”. Poden facelo a través da Casa da Muller, no Parque da Milagrosa, no enderezo electrónico cmuller@concellodelugo.org, ou no teléfono 982- 29-74- 12.

Así mesmo, a edil tamén lle pediu ao Goberno Central recursos económicos, materiais e de equipamentos, así como que cumpra cos acordos establecidos no Pacto de Estado e dote de novo de recursos económicos e competencias aos Concellos, concretamente vía transferencia ás entidade locais, un incremento anual de 20 millóns de euros para o desenvolvemento das medidas correspondentes contempladas no devandito pacto, “posto que estamos a falar do papel fundamental que xogan os Concellos como institución máis próxima á cidadanía e ás necesidades sociais, na prevención e atención específica a través de información, asesoramento, protección e acomapñamento á vitimas”.

Para rematar, Ana González fixo un chamamento para favorecer a cultura de igualdade e abandoar a de sumisión, “porque as mulleres somos parte da sociedade”. Pediu un compromiso activo día a día, individual e colectivo. A acción desenvolverase entre o 15 e 26 de novembro e encádrase dentro dos actos que este ano programan tanto o Concello como a Deputación de Lugo con motivo do 25N.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com