Lugo eximirá do pago da auga, lixo e sumidoiros aos perceptores dunha pensión non contributiva

Os veciños de Lugo que conten cunha pensión non contributiva como único ingreso quedarán exentos de aboar as taxas municipais polo servizos de auga, recollida de residuos e sumidoiros. A proposta, feita por Lugonovo, no marco da Comisión para a revisión das Ordenanzas, obtivo a aceptación do executivo para incorporala á nova normativa local.

“Trátase dunha medida encamiñada a rebaixar a presión fiscal das persoas coas rendas máis baixas, que non soen alcanzar os 400 euros ó mes, para as que o pago dos recibos pode supoñer un agravamento da precariedade económica na que se atopan”, subliña o voceiro da formación, Santiago Fernández Rocha.

Na mesma liña, o Grupo Municipal Lugonovo acadou o visto bo para que, a partir de agora, os servizos sociais valoren individualmente os expedientes das familias con menos recursos co fin de que non resulten excluídas das axudas municipais por superar, nun escaso marxe, as escalas establecidas no IPREM.

“Os baremos que regulan a percepción destas subvencións resultan ás veces moi inxustos. Un só euro pode ser determinante para rexeitar a familias que pasan por verdadeiras dificultades. O que se acada con esta iniciativa é que, en canto a nova ordenanza entre en vigor, cada caso se estude de forma particular para estimar se as circunstancias nas que se atopan, fannas merecedoras da prestación que solicitan, independentemente de que non se axusten ós requisitos das convocatorias. A asistencia no fogar é un dos eidos nos que terá aplicación”, destaca Fernández Rocha.

Por outra banda, a formación tamén logrou que se modificase a ordenanza número 103, relativa ó pago de taxas pola prestación de servizos urbanísticos para que os desempregados e as familias numerosas se incorporen como beneficiarios dunha bonificación do 50% sobre o pago das obras de reforma.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com