Lugo Monumental oponse a cambiar de ubicación a estación de autobuses

A asociación Lugo Monumental oponse ao traslado da estación de autobuses, unha medida que “a afastaría dun lugar accesible e cómodo para gran parte da cidadanía”. A asociación pregúntase que vantaxe ten para os lucenses ese traslado, que supoñerá o gasto dunha inxente cantidade de diñeiro cando usando unha fracción do mesmo poderíase adaptar a actual estación para convertela nun lugar digno da súa función e localización.

Actualmente os autobuses de liña xa non circulan pola rolda da Muralla, o que, segundo afirman dende a asociación, era un dos principais problemas que tiña a localización da Estación, senón que entran pola rúa Dinán desde Ramón Ferreiro, “como é lóxico, polo que non serve como razoamento evitar un suposto dano ao noso principal monumento”.

Por outra banda, a asociación alega que o anuncio de que a estación intermodal serán en realidade dous edificios separados fai que o argumento dun suposto “aforro” caia pola súa base, “sendo obviamente máis gravoso facer dous edificios que un, e podendo optarse por outras formas de financiamento para remocicar a actual estación, como a entrada de capital privado”.

Para Lugo Monumental, “a localización da actual estación de autobuses é un luxo que Lugo non debe perder”. Para os visitantes saír da estación e atoparse fronte a fronte coa Muralla Romana é unha das grandes vantaxes da súa localización, pero máis aló desa comodidade para as persoas que acoden á cidade, a asociación se preocupa polos veciños, xa que “tamén os lucenses gozan dunha privilexiada localización para o que a día de hoxe é o noso principal centro de transporte público interurbano”. Tamén hai persoas de poboacións próximas que acoden habitualmente a Lugo en autobús e para as que o cambio de localización supoñería un importante prexuízo, segundo opinan dende a asociación pois “non podemos esquecer que se trasladaría para unha zona que, aínda que non está afastada do centro histórico, si está conectada por rúas con grandes desniveis que para persoas que levan vultos (como é o caso de vendedores da praza de abastos), con problemas de mobilidade ou de idade avanzada poden supoñer un trastorno innecesario”.

De todos os xeitos, as asociación Lugo Monumental asegura non estar en contra da creación dunha Estación Intermodal, pero aposta por un gran centro de transporte, en que se unan ás liñas interurbanas, un punto estratéxico de autobús urbano, o que se podería lograr cunhas mínimas reformas na actual estación e a súa contorna. Desa forma todos os barrios da cidade conectaranse co centro e, por suposto, con ese punto neurálxico de comunicacións exteriores.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com