Lugono pide unha solución o cruce da rúa Mazaira con Mar Cantábrico

Lugonovo urxe unha solución para a intersección na que conflúen as Rúas Dona Urraca, Mazaira, Mar Cantábrico, Reverendo Xosé Fernández Núñez, Milagrosa e Camiño Real.

“Trátase dunha encrucillada moi conflitiva na que converxen ata seis vías diferentes e na que aínda están permitidas máis direccións ao ser, algunhas delas, de dobre sentido. Se a isto lle sumamos a elevada densidade de circulación que rexistra a zona o resultado é un auténtico Scalextric, un enclave perigoso tanto para o tránsito rodado como para os peóns”, explica Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz do Grupo Municipal fai especial fincapé na desprotección dos viandantes xa que “a pesares de haber ata cinco pasos de cebra nas inmediacións, a cantidade de manobras automobilísticas que se concentran nese espazo de menos de cincuenta metros, converten ao camiñante nunha potencial vítima, a máis vulnerable, dun descoido na condución”.

Pérez Herráiz cre que todas estas circunstancias fan preciso que o Gabinete de Tráfico revise o ordenamento da contorna e tome medidas para garantir a seguridade viaria. “Dende Lugonovo cremos que a medida máis acaída é a construción dunha rotonda que regule, por sí mesma, a incorporación dos vehículos ás distintas travesías e que funcionaría dunha forma moito máis eficaz que un simple semáforo ou a sinalización horizontal que hai agora e pedirémoslle a Policía Local que estude esta opción”.

A voceira da formación destaca tamén que a escasa amplitude dalgún treito destas calzadas supón outro factor a ter en conta que condiciona e merma igualmente a visibilidade nesta localización.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo