Lugonovo advirte que a demora na xestión de licenzas supera xa o ano e medio

Ata un ano e medio. Ese é o prazo que algún empresario lucense leva agardando para que o Concello lle conceda unha licenza urbanística. Unhas demoras “inaceptables”, a xuízo de Lugonovo, que alerta das graves consecuencias que está a ter para a cidade e para os propios inversores a errática xestión desenvolvida polo equipo de goberno.

“Resulta inconcebible que investimentos de máis de oito millóns de euros, como se dá nun destes casos, se poñan en perigo por falta de axilidade administrativa; especialmente cando se trata dun trámite imprescindible como é a obtención de autorizacións municipais”, reprocha a portavoz.

Cristina Pérez Herráiz denuncia a situación de inseguridade que provoca na iniciativa privada as dilacións que enlentecen o outorgamento destes permisos “e que propicia o desánimo entre os promotores até o punto de que moitos desistan incluso de ampliar ou internacionalizar os seus negocios, coa repercusión que esta proxección tería para a localidade”.

“Paus nas rodas”, segundo a voceira de Lugonovo, que comprometen a viabilidade de moitos proxectos “porque ou ben frean o capital particular, ou ben se traducen nun ano de espera para poder cobrar, como lle acontece aos proveedores do Concello, polos traballos prestados”, en alusión a varias facturas pendentes, procedentes da primavera de 2017 e que precisan pasar polo Pleno deste mes para ser abonadas, contando co visto bo da Corporación.

“O colapso no que nestes momentos se atopan moitos dos servizos municipais está a supoñer un prexuízo incalculable para a dinamización do tecido económico e laboral”, advirte Pérez Herráiz, “que comeza xa coa queixa reiterada, por parte do sector, da ausencia dun interlocutor ao que dirixirse no Concello”.

Dende Lugonovo entenden que o convinte sería que tódolos procedementos relacionados co cursado das solicitudes para construción, obra maior e menor, rehabilitación etc… estiveran centralizadas nunha Oficina Única. “Unha quimera, tendo en conta a situación real na que se atopa esta casa pero que, cremos, se pode compensar con outras medidas”, refire Cristina Pérez, “polo que instamos ao executivo a reforzar, por acumulación de tarefas, ao departamento correspondente, coa fin de axilizar os expedientes sen resolver e que a setembro do ano pasado  superaban os 700”.

O Grupo Municipal reuníase onte con integrantes e membros da directiva da CEL. Un encontro “moi produtivo – para a portavoz – que agardamos teña continuidade” e ao que tamén asistiron o voceiro de En Marea, Luis Villares e o responsable de Industria da formación, Pancho Casal.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com