Lugonovo advirte tres cursos de demora na creación de beirarrúas do CEIP das Gándaras

Lugonovo preguntará nas Comisións de Pleno de mañá cales son os motivos polos que aínda non se executaron as beirarrúas previstas para o CEIP Virxe da Soidade, nas Gándaras; unha actuación que ía incluída no paquete de medidas que a formación acordou co goberno para aprobar os orzamentos de 2016 e que, tres cursos académicos despois, segue sen executar.

“Semellante atraso resúltanos moi difícil de xustificar”, lamenta Victoria Esteban. A edil subliña que as Gándaras é un dos barrios con máis déficits de toda a capital e que esa ausencia de dotacións faise máis palpable, se cabe, na contorna escolar. “Dende a falta de sinalización do propio edificio ata a carencia de infraestruturas tan básicas coma esta que, exercicio tras exercicio, merma garantías á seguridade coa que o alumnado se despraza polas inmediacións”, subliña.

O Grupo Municipal tamén interpelará ao executivo ao respecto do Plan Mellora, destinado a realizar traballos de conservación nos centros de ensino infantil da cidade. “Queremos saber se este programa terá continuidade durante o próximo ano e cal será a consignación orzamentaria da que dispoña”, explica a concelleira quen apunta a conveniencia de planificar canto antes as obras de mantemento que precisan as escolas coa fin de iniciar a súa execución en canto comece o verán. “O desexable sería ter xa elaborado algunha sorte de cronograma coas actuacións a desenvolver no  que, de paso, agardamos, se tiveran en conta as reivindicacións efectuadas polas distintas comunidades educativas nos últimos meses, para resolver as deficiencias detectadas nas instalacións”.

Por outra banda a formación tamén solicitará que se dea cobertura de forma estable, durante as súas ausencias e nos supostos nos que a normativa contempla a súa substitución, ás prazas de conserxe nos CEIP da cidade, por persoal equivalente que poida desenvolver todas as tarefas ordinarias atribuídas a este posto e no horario establecido polos diferentes equipos docentes, “tendo en conta a gran relevancia que teñen as funcións que desempeñan as e os conserxes para o correcto funcionamento dos colexios”, conclúe Esteban Riesco.

O proceso de cesión é un proceso longo

En relación a estas declaracións, o Conselleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, aclarou que o Concello está a contactar cos propietarios dado que as beirarrúas proxectadas están planificadas en terreos privados. A día de hoxe, e segundo resaltou o edil, falta o propietario dun soar por localizar. En todo caso, os socialistas reclaman que “Lugonovo debería saber” que o proceso de cesión ou expropiación de tereos é un proceso longo que “leva o seu tempo”. Non en ván, o Goberno contempla nos orzamentos deste ano “que non apoiou Lugonovo nin ningún partido político, 60.000 euros para mellorar a accesibilidade nas Gándaras na contorna do centro educativo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo