Lugonovo alerta do “penoso” estado do barrio das Gándaras

O portavoz de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, lamentaba  esta mañá o estado no que se atopa o barrio das Gándaras no que, afirmou, termos como “urbanización” aínda non chegaron. Segundo denuncia Fernández Rocha, “Agro do Monte solo é monte e grava; a Rúa das Areas, non ten cunetas, só silveiras que crecen ás ribeiras da estrada. Ate a arteria principal do barrio, como é a Calzada, non ten espazos seguros por onde camiñar e conta con tubaxes sobresaíndo nos que se pode tropezar sen moito esforzo”.

Lugonovo tilda esta situación como “o itinerario do esquecemento”, un percorrido desolador, impropio dun nexo de comunicación entre os arredores e o centro do municipio.

“A situación de abandono afecta a prácticamente toda a zona: Pía Paxaro, Volvoreta, Monte Adairo e mesmo Vagalume”, dúas localizacións, estas últimas, nas que a propia canalización tivo que saír, hai vinte anos, e segungo afirma a agrupación, do peto dos veciños.

Tras esta radiografía, os edís e a edil de Lugonovo cren que xa é hora de dotar a contorna dunhas infraestruturas a altura do século XXI, que remate co agravio de ser “veciñanza de segunda” por vivir no extraradio. “Levamos dous anos reclamando melloras no barrio, denunciando as deficiencias en materia de servizos e sinalización viaria e todas acaban no mesmo sitio: no tinteiro dos compromisos que non chegan a materializarse nunca. Tanto ten que dependa dos orzamentos locais, como doutros investimentos como pode ser o Plan Paradai”, afea Rocha.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo