Lugonovo atribúe á “desidia” do Concello a presenza de pintadas en espazos públicos

A agrupación municipal Lugonovo critica a “desidia” do Concello de Lugo ante as pintadas que se suceden nos muros de espazos públicos. O trámite de poñer de acordo ás comunidades de veciños para solicitar o permiso municipal era o requisito imprescindible para que o goberno local puidera acometer a limpeza de pintadas nas fachadas de inmobles particulares. Segundo indica o grupo local, foi así como o executivo xustificaba a imaxe de abandono de moitos barrios afectados por esta práctica.

Pero tras estas afirmacións do Concello,  Lugonovo cuestiónase que acontece cos edificios e espazos públicos e porque non se elimina deles os graffiti. Para os edís e a edil de Lugonovo a resposta a esta pregunta é a combinación dunha “elevada dose de desidia engadida á notoria falta de supervisión e control sobre os servizos e as dotacións municipais”.

“Non hai máis que pasar polo Parque de Rosalía. Xa perdimos a conta do número de meses que leva deteriorada, ateigada de garabatos, a pequena construción sita ao carón da área de xogos infantís. E aquí non hai ningunha escusa que sirva”, afea o portavoz da agrupación Santiago Fernández Rocha.

Como tampouco as hai, ao seu xuízo, para a seguinte rea de exemplos que se enumeran a continuación. “O que acontece en Frigsa alcanza a categoría de invasión. Os muros perimetrais da Biblioteca, os valados e paredes do recinto deportivo, as instalacións da Sección de Augas, de Parques e Xardíns, da Brigada de Obras da Zona Rural… nin as dependencias do almacén se libran de tan persistente pegada creativa”, ironiza Rocha.

O portavoz de Lugonovo eleva o ton da crítica tras un ano insistindo ao equipo do goberno da necesidade de contrarrestar os efectos do vandalismo. “Segue sen existir ningún plan de intervención no que se recollan non só as medidas a desenvolver senón tamén o calendario no que se pensan poñer en marcha”, advirte Fernández Rocha, “a pesar de que o problema é perceptible, prexudica ao conxunto da cidadanía e pode ter consecuencias sobre o turismo”.

“Non só cómpre facilitar as intervencións para o arranxo destes danos, axilizando o procedemento administrativo – abonda o voceiro – senón que tamén resultan acaídas outras accións de sensibilización e concienciación social. Actuacións encamiñadas a reducir os danos que ocasionan estas agresións no patrimonio e a corrixir a imaxe de Lugo que transmite, a día de hoxe, a paisaxe urbana da cidade, no seu estado actual”.

 

Dunha forma parella, dende Lugonovo sublíñase o imperativo de incidir na prevención a través dunha maior vixilancia policial como principal mecanismo de disuasión.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo