Lugonovo detecta múltiples déficits no Camiño Primitivo

Lugonovo reclama máis atención e mellores coidados para o Camiño Primitivo. Coincidindo coa xornada dedicada ao Ben Mundial, dentro das festas do San Froilán, o Grupo Municipal pon de manifesto varias eivas das que adoece unha das principais rutas a Compostela.

“Dende recuperar e visibilizar a toponimia tradicional e actualizar a sinalización de todo o itinerario ata incrementar a limpeza, a frecuencia da recollida do lixo e o aseo dos colectores, pasando por potenciar a integración do conxunto histórico-artístico na contorna urbana… son moitas as actuacións que quedan aínda por desenvolver para poñer en valor, coa distinción que merece, esta parte do noso patrimonio local”, subliña a voceira.

Cristina Pérez Herráiz refire, entre outras cuestións, a necesidade de simplificar o tendido eléctrico presente no vieiro, especialmente dende Castelo de Arriba e ata San Eufrasio. “Nos pouco máis de cinco kilómetros dos que consta este traxecto puidemos contar case un cento de postes, moitos deles, cremos, completamente prescindibles e que deberían ser suprimidos para rebaixar o impacto visual e ambiental que ocasionan” indica, sinalando como exemplo que só diante do albergue da Chanca se contabilizan ata cinco destas estruturas.

A formación organizaba días atrás, contando coa colaboración e participación do investigador e filólogo medieval Ricardo Polín, un percorrido pola zona para coñecer, en detalle, a transcendencia histórica desta arteria de comunicación e cultural así como os déficits que a condicionan.

“Resultounos negativamente significativo que a maioría dos mananciais que atopamos durante a andaina se deixaran secar e esmorecer. Mesmo o da Regueira, que data do século XVIII, non serve máis que como testo para hedras e malas herbas, mostra do abandono que o botou a perder”, destaca a portavoz ao tempo que advirte que as fontes da Porta Miñá ou de San Froilán levan trazas de correr a mesma sorte. “Conviría conectalas á traída para que recobrasen a súa utilidade, algo que, por outra banda, sería ben agradecido polos peregrinos”.

Pérez Herráiz sinala igualmente que debido á falta de supervisión é posible atopar, en distintos emprazamentos da etapa, muros perimetrais de formigón que contraveñen a normativa en vigor, moi estrita, para áreas protexidas coma esta.

“A cruzada de Méndez contra a Xunta é un boicot constante”

Neste eido falou tamén o concelleiro do Partido Popular, Ángel Trabada, quen denunciaba esta mañá a “cruzada” de Lara Méndez contra a Xunta de Galicia que chega ata o extremo de realizar un “boicot constante” a todos os proxectos que tenta realizar o goberno galego na cidade. Ángel Trabada referíase a que o 3 de agosto de 2017 a Xunta remitiu un escrito á alcaldía do Concello de Lugo no que solicitaba a sinalización dun paso de peóns na Ronda do Carme, no lugar polo que pasa o Camiño Primitivo, unha actuación que se enmarca dentro das obras de
acondicionamento do Camiño Primitivo. Documento do que a Xunta aínda hoxe espera unha resposta.

O popular afirma que a Xunta está á espera de que o Concello sinalice o paso de peóns ou dea o permiso oportuno para poder facer a actuación a propia Xunta. “Queda claro que semella complicado que unha administración solicite calquer tipo de licenza ou realice actuacións nos terreos de outra sen o permiso previo da titular do terreo”,

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com