Lugonovo lamenta o escaso interese das distintas administracións na xestión e posta en valor do turismo

“O turismo en Lugo aumenta, pero non polo esforzo do seu goberno”. Así de rotunda se mostrou hoxe a portavoz municipal de Lugonovo, Cristina Pérez Herraiz, quen salientou que resulta “inconcebible a desidia con que as distintas administracións xestionan a capacidade de Lugo como motor e atractivo turístico malia ter aumentado un 3% o volume de visitantes entre o mes de xullo de 2017 e o de 2018 segundo datos do propio Concello·”.

Pérez Herraiz sinala que “un dos problemas de base é o da ausencia de sinalizacións axeitadas que informen ao turista sobre puntos ou rutas de interese. Nin na A6 nin en ningún outro acceso á cidade hai sinal ningún do noso Patrimonio da Humanidade” lamentou, engadindo que “no centro de Lugo non están sinalizadas nin as oficinas de turismo nin os accesos para subir á muralla”. “A certas horas en pleno centro de lugo non son raros os turistas que deambulan perdidos preguntando enderezos e camiños á cidadanía” explicou.

Cristina Pérez lembrou que é “especialmente grave o caso do elevador de acceso á propia muralla que non conta coas necesarias sinalizacións para que sexa doado de atopar polos visitantes e cidadáns que o necesiten”.

A portavoz de Lugonovo acusou ao goberno municipal de manter “no limbo iniciativas como a proposta de Lugonovo, aprobada en pleno xa en 2015,  para desenvolver unha rede de divulgación patrimonial da cidade arredor de seis itinerarios”. Unha iniciativa que permitía “percorrer o Lugo romano, medieval,  moderno, literario e arquitectónico racionalista coa comodidade do propio teléfono móbil” lembrou.

Pero non é unicamente o Concello de Lugo o responsable das carencias en materia turística, a xuízo de Lugonovo. Cristina Pérez sinalou a este respecto “os problemas de augas que rexistrou o Museo Provincial no mesmo mes de xullo, o que pode comprometer incluso os fondos alá gardados”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com