Lugonovo pide que se reconsidere a proposta de acadar unhas festas sen sexismo

Tras coñecerse a condena á coñecida como “Manada”, Lugonovo pídelle ao goberno que, agora máis ca nunca, faga un esforzo na loita e prevención deste tipo de violencia e recupere a proposición da organización para acadar unhas festas libres de sexismo durante o próximo Arde Lucus.

“En setembro pasado trasladamos ao Pleno unha iniciativa para que o Concello elaborase unha campaña específica, orientada a combater as agresións sexuais  durante os festexos. Malia o acordo unánime da Corporación, o único que fixo o executivo o pasado San Frolián foi colocar varios panfletos na caseta correspondente á Oficina de Información, pero nada máis”, laméntase a portavoz do Grupo Municipal.

“Un xesto raquítico, que tivo unha escasísima repercusión e que non se axustaba, en absoluto, á nosa proposta”, lembra Cristina Pérez Herráiz. Lugonovo plantexaba a colaboración dos diferentes colectivos da cidade para o deseño e posta en marcha de medidas de sensibilización que contribuísen a evitar comportamentos humillantes ou vexatorios contra a liberdade sexual e a identidade de xénero durante as celebracións patronais.

“Todo o esforzo municipal reduciuse a imprimir unha tirada, por certo ben reducida, de carteis con mensaxes en contra do acoso machista, que estiveron expostos nalgunhas dependencias do Concello e, para iso, non en todas”, reprocha a voceira quen, no seu día, xa elevara unha queixa por esta cuestión ao Foro de Igualdade.

O acontecido durante os Sanfermíns de 2016 foi, no seu momento, un revulsivo para que tanto as administracións como o movemento asociativo iniciaran unha batalla, en moitas localidades, contra os abusos. Agora tócalle o turno a Lugo e máis depois do axuizamento que tiveron os feitos e que en tódalas cidades, incluída a nosa, atopou un amplo rexeitamento social ante o rango das penas impostas”, di Pérez Herráiz.

“Mentres a xustiza siga sendo patriarcal, feita por homes e para defender aos homes, o resto de entidades e organismos públicos debemos facer un esforzo extra que o contrarreste, por iso lle pedimos á edil de Benestar que, desta volta, mude a improvisación pola previsión e aproveite o tempo para preparar un dispositivo eficaz e acorde ás circunstancias”.

Entre outras ferramentas, a agrupación suxire elaborar protocolos de vixilancia, a creación de mensaxes ou eslóganes, a elaboración de cartelería, folletos e guías dos recursos dispoñibles, así como a implicación do sector hostaleiro para que colabore na súa difusión.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com