Lugonovo pregunta polos termos do convenio para gravar ás enerxéticas

“Anuncios xa van dous, avances reais … ¿para cando?” É o que quere saber Cristina Pérez Herráiz, voceira de Lugonovo, logo de que se veña de comunicar, por segunda vez en tres meses, que comezarán os trámites para poder gravar ás empresas distribuidoras de enerxía pola ocupación que fan do espazo público coas súas infraestruturas.

Unha proposición, lembra a portavoz da formación, impulsada por Lugonovo no Pleno de xaneiro de 2017, e que pese a contar co apoio unánime da Corporación, a administración local “non foi capaz, ata o de agora, de dar nin un só” paso para materializala.

“Dende o momento en que presentamos a iniciativa o goberno realizou todo un periplo polos pretextos máis imaxinativos coa fin de seguir asentado na comodidade que lle brinda a súa propia inacción. Dende que non había persoal suficiente para redactala, a que o traballo de campo que esixía era inxente, pasando pola suxestión de que a fixéramos nós mesmos. Despois de vendela como unha quimera, agora nos decatamos de que o que pretendía era que outra entidade asumira o esforzo de desenvolvela”, di Pérez Herráiz, en alusión ao feito de que vaia ser a Deputación quen lidere a elaboración do inventario de redes que posibilitará a creación posterior da devandita ordenanza.

Segundo se vén de trasladar, o ente provincial cofinanciará xunto coas localidades adheridas ao convenio, o custo que teña a contratación para configurar o referido atlas e, a partir do cal, se establecerá o rango de tributos que estas compañías abonarán aos municipios, en función da superficie, a lonxitude ou a tensión das liñas que empreguen, en cada caso, para dar servizo á poboación. Unha taxa que para a voceira de Lugonovo debera reverter en prestacións sociais como, por exemplo, a posta en marcha da Renda Básica Municipal. “Outro acordo plenario que promovemos e que, coma o resto, segue agardando no caixón do esquecemento, cando non é por falta de estudos demográficos e económicos sobre os que basearse é por falta de orzamento”, afea Cristina Pérez.

“Evidentemente o que quería a alcaldesa era que outra institución, neste caso amiga, lle sacara as castañas do lume. En calquera caso, dende Lugonovo aplaudimos o procedemento se iso significa que máis concellos se beneficiarán da medida que propuxemos. Mais a velocidade que este goberno demostra na súa xestión espértanos certa desconfianza. Por iso interpelarémolo na vindeira Comisión de Contas co obxecto de que aclare os termos do documento que a institución local acaba de asinar e os prazos que se manexan para as distintas fases de traballo que contempla, non  vaia ser que a foto de onte só sexa unha imaxe publicitaria máis e, como ocorre con tantos outros proxectos, este tamén quede relegado a ser só un simulacro,” conclúe Cristina Pérez Herráiz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo