Lugonovo preguntará no Pleno polos plans para garantir o futuro da Escola Municipal de Música

Lugonovo pedirá no vindeiro Pleno que o goberno aclare cómo pensa asegurar o futuro da Escola de Música, despois de que o Tribunal Supremo rexeitase o recurso de casación presentado polo Concello contra a sentenza do TSXG que impide aos músicos da Banda Municipal exercer tamén como docentes.

“Levamos máis dun ano coa espada de Damocles oscilando sobre esta cuestión – advirte a portavoz de Lugonovo – polo que entendemos que o executivo, caracterizado pola súa axilidade e capacidade de previsión, aproveitou todos estes meses para articular un plan B que, se como se auguraba, a xustiza volvía pronunciarse en negativo, puidese garantir a continuidade do funcionamento habitual do centro. E queremos saber cal é”.

“A propia Asociación de Usuarios da Escola e o resto de grupos da Corporación témolo claro”, refire Cristina Pérez Herráiz. “A solución pasa pola modificación parcial da RPT, tal e como veñen de facer cos requisitos para optar ao cargo de director da Banda. Se ese cambio puntual foi posible, cremos que o outro tamén. Só é unha cuestión de prioridade e de vontade política”, subliña a voceira.

Por outra banda, o grupo Municipal preguntará tamén pola cantidade de cartos que a institución local leva entregados a Eosa para que remate, despois de 9 anos, a elaboración dunha Relación de Postos de Traballo que poña orde aos recursos
humanos do Concello. “O noso estupor é maiúsculo ao comprobar que, case unha década despois, se lle adxudicará a esta empresa un novo contrato para que redacte os informes que expliquen con detalle o cometido a desempeñar en cada unha das prazas que contempla a RPT. E logo, ¿non era por aí por onde se debe comezar un documento coma este?, reprocha Pérez Herráiz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com