Lugonovo propón abordar o saneamento do rural con filtros verdes

Lugonovo propón reproducir os sistemas de depuración que se dan nas lagoas, como alternativa factible para o saneamento do rural. O Grupo Municipal trasladará ao vindeiro Pleno unha iniciativa para que o Concello estude a viabilidade de aplicación de técnicas biolóxicas para tratar as aguas residuais nos núcelos do concello.

“Son os coñecidos como filtros verdes. Métodos de saneamento de baixo custo, máis adaptables á realidade do país e que permiten abarcar de forma efectiva, tanto técnica como economicamente, dende o tratamento de pequenas zonas ata outras máis extensas con presenza de industrias agroalimentarias ou gandeiras”, apunta Víctor Álvarez.

O edil explica que fronte á tendencia convencional e máis onerosa de conectar parroquias próximas entre sí mediante colectores, coa fin de conducir os vertidos a un único punto, existen outras opcións capaces de maximizar os procesos que xa se dan de forma natural no medio.

Só esixe poder contar cunha superficie de terreo dispoñible onde crear unha lagoa artificial na que se reproduzan os procesos de autodepuración que teñen lugar nos cursos da agua”, refire Álvarez Arias. A planta estaría composta de dous elementos. Por unha banda, dun dixestor anaerobio, ou fosa séptica, que funcionaría como sistema de pretratamento e no que xa se eliminarían a maior cantidade de substancias que poidan provocar problemas de atascos. E, pola outra, por unha zona húmida na que a auga discorra en contacto coas raíces da vexetación acuática e que sería a verdadeiramente encargada de filtrar os constituíntes da auga residual e, polo tanto, de devolvela limpa ao ecosistema.

“Trátase dun operativo simple, cun mínimo ou nulo consumo enerxético e químico, que xera poucos residuos, sen produción de lodos, con baixo impacto ambiental sonoro e escasas necesidades de conservación ademais dunha boa integración na natureza que propicia o asentamento de fauna autóctona na contorna”, di o concelleiro. Dende Lugonovo destacan que os seus custos de mantemento son ínfimos e que os de instalación, ao redor dos 200/300 euros por persoa, para un núcleo de mil habitantes, resultan moi inferiores aos estimados para os procecementos convencionais, que rondan os 500€/h.

“Ademais – subliña Víctor Álvarez – trátase dun proxecto que podería financiarse mediante subvencións procedentes dos programas FEDER e LIFE, dentro da Directiva Marco Europeo da Auga, polo que cremos que, cando menos, resulta meritorio de ser avaliado polos técnicos municipais para coñecer a súa viabilidade nalgúns dos núcleos do noso concello”.

Ombreiro, Calde, Santiago de Saa ou Santalla de Lamas, pola súa orografía e caraterísticas demográficas poderían ser algunhas das ubicacións susceptibles de contar con estes filtros verdes ao igual que xa se empregan noutras localidades galegas como Abegondo ou Beariz e noutras rexións como País Vasco, Cantabria, Cataluña ou a cunca do Douro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com