Lugonovo propón que o Concello promova a Banca Ética

Promocionar a Banca Ética e impulsar a súa utilización tamén dende a institución municipal. Con ese obxectivo, Lugonovo levará unha proposición ao vindeiro Pleno do mes de febreiro.

“Dende Lugonovo cremos que ningunha actividade económica é neutral, involuntaria ou inocua e por iso tódalas decisións que se tomen neste ámbito, especialmente aquelas que parten dos organismos públicos, deben ser éticas e asumidas dende un marco de valores e conviccións determinado coa fin de que as súas consecuencias redunden na distribución ponderada dos recursos básicos e na procura de comunidades sostibles”, refire a portavoz.

O Grupo Municipal agarda que o Concello non só comece a empregar nas súas operacións este tipo de intermediación financeira que ofrece a Banca Ética, senón que tamén o insta a realizar un labor de sensibilización entre a cidadanía mediante a organización de xornadas, sesións de formación ou campañas de difusión para dar a coñecer a súa implicación coa mesma.

“Cada vez existe unha maior concienciación, individual e colectiva, da necesidade de avanzar e construír outro modelo de sociedade que, lonxe dos comportamentos que imperan no sistema neoliberal, persiga a xustiza e a solidariedade – considera Cristina Pérez Herráiz – e cremos que a adminstración local, pola súa proximidade á cidadanía, debe ser a primeira en transmitilo e dar exemplo”, afirma a voceira.

A Banca Ética xurde como unha ferramenta de conexión entre as persoas aforradoras e os demandantes de crédito pero sempre baixo o principio de que os usuarios teñen dereito a saber cómo se emprega o seu diñeiro, que debe ser con criterios de responsabilidade e cooperación para proxectos que aposten pola xeración de emprego e a inclusión, o beneficio social e a sustentabilidade e baixo o compromiso de non realizar operacións relacionadas coa produción e venda de armamento, a enerxía nuclear, a especulación, o uso de paraísos fiscais ou as prácticas de explotación laboral.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo