Lugonovo solicita que se resolva o novo contrato dos museos municipais

Lugonovo ven de emitir un comunicado onde “lamenta a situación actual dos museos municipais da cidade. Os problemas derivados da xestión destes espazos, cuxo contrato non foi renovado nin revisado, impide o seu aproveitamento efectivo durante un verán bo desde o punto de vista do turismo, como na pasada ponte do Día Nacional de Galicia. Daquela, Lugo rexistrou un incremento superior ao 40% no número de visitantes que pasaron pola cidade, pero a situación actual é de museos pechados en días de grande afluencia de turistas”.

 “Débese seguramente á confluencia de diversos factores”, salientou a portavoz de Lugonovo Cristina Pérez, quen denunciou porén que mentres que en Lugo “cada vez hai máis visitantes, os museos municipais non cambiaron nada”. O contrato coa empresa Sermasa, filial de Vendex, vinculada ás investigacións da Operación Pokemon, “leva caducado máis de tres anos mentres se lle segue pagando en reparo de legalidade”.

 Cristina Pérez lamentou que foron feitos uns “pregos de contratación onde non hai ningún candidato para ese contrato”, deixando o proceso deserto e a empresa cobrando en reparo de legalidade. Ademais, engadiu que “non sabemos cando vai estar ese futuro contrato que recolle máis horas de traballo e de apertura dos museos”.

 Esta modificación resolvería boa parte dos problemas, xa que “implicaría que en pontes coma a do pasado 25 de xullo ou nesta do 15 de agosto, os museos non estean pechados por ser luns como ata agora”, salientou.

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo