Lugonovo ve no atraso do baño público de Rosalía un “espello” da xestión municipal

“Semella unha secuela da Historia Interminable pero non é máis que o periplo que está a seguir a instalación dun aseo público no parque Rosalía de Castro”, así o denunciou esta mañá o grupo municipal Lugonovo quen, case dous anos despois de achegarlle a proposta ao goberno, durante a negociación dos primeiros orzamentos do mandato, pode ver como a famosa cabina autolimpable aínda non superou a categoría de proxecto.

“O incrible é que non se trata dun relato de ficción, senón da crúa realidade. O executivo leva 20 meses para poñer un váter”, resume a voceira, Cristina Pérez Herráiz. A voceira da formación lamenta que, despois de tódalas viravoltas que deu o procedemento administrativo, “agora que, por fin, parecía verse a luz ao final do túnel burocrático, os atrasos afectan tamén, como non, á obra civil”.

Hoxe remataba o prazo dun mes estipulado para que o Concello acometera estes traballos pero non hai nin un só sinal en todo o parque que así o evidencie. O cal indica que ao devandito inodoro aínda lle queda certo percorrido antes de que comece a funcionar”, prevé a portavoz.

O Grupo Municipal lembra que o acordo para a súa instalación remóntase a maio de 2016. A intervención foi autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural en xullo dese mesmo ano i en decembro anunciouse a licitación despois de que, no mes anterior, a Xunta de Goberno local aprobara a súa contratación.

Tras seleccionarse, en marzo do 2017, a oferta máis ventaxosa entre as que se presentaron, un informe remitido polo xefe do servizo de parques e xardíns advirte do incumprimento das condicións técnicas por parte de tódolos licitadores e obriga a confirmar a incongruencia dos pregos e a corrixir as bases.

“O concurso definitivo conclúe en outubro coa escolla da adxudicataria e a formalización do contrato publícase o 22 de decembro, momento no que o goberno debía iniciar a execución da obra civil pero, unha vez máis, demóstrase que nin hai interés por cumprir coa súa palabra nin tampouco por mellorar a calidade de vida da cidadanía, aínda que sexa con algo tan básico como habilitar un retrete. O fiel reflexo da súa capacidade de xestión”, conclúe Cristina Pérez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com