Lugonovo volve a denunciar, tres meses despois, o vertedoiro incontrolado da Abella

“Unha auténtica vergoña. O final de Lamas de Prado semella un estercoleiro grazas á pasividade das administracións, capaces de mirar para outro lado mentres aos veciños lles chega o lixo ás portas das súas casas”. Con esta severidade reprocha o edil de Lugonovo, Iñaki García, que o vertedoiro incontrolado da Abella aínda non fora retirado, tres meses despois de denunciar a súa existencia.

“En setembro era entullo, plásticos e mesmo tablóns de madeira. Agora xa hai ata inodoros e outras pezas de baño integrando a morea de refugallos que alí se acumulan. O feito de non recollelos supón un convite para que a sucidade siga crecendo ata o punto de equipararse en altura co peche perimetral da finca”, afea o edil de Lugonovo.

Dende a formación lamentan que as promesas do executivo de acondicionar a zona non estiveran aínda acompañadas de feitos. “O portavoz do goberno anunciou con gran celeridade que o Concello limparía subsidiariamente os terreos e logo pasaría a factura ao Sareb (Sociedade de xestión de Activos procedentes da Reestruturación Bancaria), titular da parcela; mais os residentes seguen agardando e o único que ven é como a porcallada se multiplica e se aproxima, cada día máis, ás vivendas”.

García Gómez subliña que, independentemente de a quen pertenza o predio, a institución local non pode desentenderse do problema. “Son coñecedores da situación do barrio. Saben que a antiga factoría é un foco de insalubridade polos desperdicios que se amontonan na entrada ao soar o que agrava as condicións de habitabilidade na contorna onde xa se alertou, en varias ocasións, da reiterada presenza de roedores”.

Os concelleiros de Lugonovo cren que o tempo das escusas debe rematar e instan ao goberno a intervir neste punto da capital para rescatalo do esquecemento. “Falamos de falta de aseo urbano pero tamén de carencia de infraestuturas. A creación de beirarrúas é unha das reclamacións máis antigas da veciñanza desta parte da cidade que en moitos tramos só dispoñen de cunetas para desprazarse o que, sumado á deficiente iluminación, en xornadas de néboa, ou mesmo coas xeadas destas noites, se convirten nun foco de perigosas caídas”, conclúe Iñaki García.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo