Máis de 7.000 euros en dietas para o Alcalde de Outeiro de Rei

7.496,70 euros. Isa é a cantidade que cobrou no 2017 o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, en concepto de dietas por desprazamento. A esto hai que sumarlle tamén os 5.239 euros que se ingresou o tenente de alcalde, José Yebra, polo mesmo. Uns sobresoldos que denunciou esta mañá o voceiro do BNG, Xosé Ferreiro, e que suman máis de 12.000 euros de gasto para as arcas municipais deste Concello.

Xosé Ferreiro explica como o alcalde e o tenente de alcalde están a desenvolver “unha táctica” para cobrar sobresoldos de “tapadillo, agochados da veciñanza e da facenda pública”. O nacionalista lembra ademais que o rexedor se puxo no seu día un salario de 42.000 euros anuais. Asemade,  informa Xosé Ferreiro, o sobresoldo do tenente de alcalde, “equivale a recorrer máis de 17.300 km, o que significa cruzar o concello de punta a punta un total de 5 veces por día laborable, cuestión que no BNG nos parece un tanto difícil de xustificar”.

Tanto nun caso como no outro, o BNG vén de solicitar oficialmente os comprobantes e xustificantes destes desprazamentos, onde debería constar o día, hora, desprazamento concreto, quilómetros recorridos e motivo do desprazamento. Unha vez que o BNG teña eses xustificantes, valoraranse os pasos a seguir a continuación, pero o que “non imos permitir é que esta situación de aproveitamento das arcas municipais continúe no tempo”.

“Ao mesmo tempo, tamén intentaremos investigar dende cando se están a levar a cabo estas prácticas e dende logo, no caso no que se atopen cuestións non claras non dubidaremos en esixir a devolución ás arcas municipais das cantidades que se puideran cobrar inxustificadamente”, continuou o concelleiro do BNG.

O escándalo de aprobar un pago de 0,30 €/Km

Hai que lembrar que “de forma incrible”, o concello de Outeiro paga aos concelleiros do PP unha cantidade de 0,30 €/km, un 50% máis do que paga a Xunta de Galicia (0,20 €). Esta cuestión xa foi denunciada polo propio BNG no Pleno de Organización e xa naquel momento acusamos ao Alcalde de intentar poñerlle un salario ao equipo de goberno que non figurase en ningún lado, incluído para a facenda pública.

“Non hai absolutamente ningún motivo para que se retribúan os desprazamento máis do que o fai por exemplo a Xunta e se se fai así é porque se pretende pagar uns cartos de forma irregular, non transparente e oculta para o fisco e a cidadanía” asegurou o voceiro nacionalista.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com