En Marea levará ao Parlamento a esixencia de que Monforte manteña a área sanitaria

En Marea esixirá a retirada da Lei de Saúde de Galicia que propón o goberno galego ao considerar que provocará unha “peor atención sanitaria” e tamén un desequilibrio segundo a residencia dos pacientes. Luís Villares, voceiro de En Marea, pediu a retirada deste texto e propuxo a redacción dunha nova lei na que, entre outras cousas, se ampliasen as áreas sanitarias das 11 existentes agora ata chegar a 14, en lugar das 7 que propón da lei da Xunta.

O primeiro punto no que o voceiro de En Marea fixo fincapé foi no momento en que o PP fai a proposta da nova lei: “no medio de agosto e facendo pasar como que non ten importancia, contando con que os afectados teñen menos capacidade de mobilización nestas datas”.

Para Villares as últimas declaracións dos responsables de saúde do PP explican a súa intención de debilitar a atención sanitaria pública: “eles din que non vai cambiar nada con esta nova lei, pero se non cambia nada por que non deixan estar a anterior?”, preguntase.

Para a deputada de En Marea por Lugo, Paula Vázquez Verao, a intención do PP “está clara desde hai anos, e xa nunha ocasión foi parada pola mobilización xeral da xente do sur de Lugo”. A deputada explicou que agora “volven facer o mesmo, aproveitan agosto e as festas de Monforte para ver se a xente non se mobiliza, pero vai suceder todo o contrario, a xente do sur de Lugo volverá a defender o seu”.

Villares sinalou que a nova lei “ten unha intención claramente economicista e non ten en conta as necesidades das galegas”. Engadiu o voceiro de En Marea que nin sequera ten en conta “as necesidades de desenvolvimento do interior e do rural porque mentres fai propaganda co rural galego déixao sen servizos que sirvan para fixar a súa poboación”.

Lemos como periferia

Verao explicou na rolda de prensa celebrada en Monforte de Lemos que Feijóo e o PP pretenden converter a Monforte nunha periferia e non deixar que saia de aí. Veraro preguntoulle ao presidente da Xunta a que se refire “cando di que o futuro de Monforte é a estrada de Lugo?” Igual quixo dicir que o futuro de Monforte era coller esa estrada, ser periferia de Lugo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo