Mariña Patrimonio denuncia graves danos no xacemento arqueolóxico da Mourisca, en Cervo

FotoMONTEDAESCULCA

As asociacións Adega e Mariña Patrimonio denuncian os “graves danos” que, segundo din, sufriu unha das estruturas circulares do xacemento arqueolóxico da Mourisca, en Cervo. Segundo estes colectivos, os danos foron ocasionados no trascurso dos labores de corta e replantación de eucalipto que afectaron a toda a superficie do recinto circular e máis do parapeto que o define. Engaden que as remocións de terra, xunto coa utilización de pas mecánicas no recinto, danaron gravemente a estrutura arqueolóxica de A Mourisca.

A Mourisca é un lugar arqueolóxico que se atopa nunha chaira do monte Motín, situado entre Castelo, Viladesuso e A Senra.  Os colectivos ecoloxistas explican que esta estrutura está formada por dúas estruturas circulares duns 30 m de diámetro, posibles henges, e máis dúas mámoas. Ademais, como non se teñen feito prospeccións nin estudos na zona, non se pode desbotar a existencia doutros elementos arqueolóxicos.

Por este motivo, tanto Adega como Mariña Patrimonio solicitan á Dirección Xeral de Patrimonio que adopte medidas para que o Servizo de Patirmonio de Lugo non repita erros con consecuencias tan graves como as derivadas deste caso. Ademais, o colectivo agarda que determine onde fallou o servizo de Patrimonio de Lugo e o grao de responsabilidade que tivo por non contar este ben coa protección necesaria pese ás advertencias dos ecoloxistas.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo