Marta Míguez resalta “a intensidade” do rugby galego na presentación das ligas sénior

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou hoxe no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo na presentación das Ligas Galegas Sénior de Rugby nas categorías feminina e masculina. Alí, a responsable do Deporte galego destacou a importancia crecente deste deporte en Galicia e da súa selección, o XV do Toxo, da que subliñou a súa “paixón, gañas e intensidade”.

Deste xeito, a secretaria xeral enumerou algúns dos fitos recentes do rugby galego, especialmente da categoría feminina, como que no pasado mes de agosto, 6 xogadoras galegas -Vanesa Rial, Paula Medín, Mónica Castelo, Berta García, Laura Delgado e Rocío García- disputaron o Campionato do Mundo de Rugby XV, acadando a 10ª posición; ou que as mesmas Vanesa Rial e Paula Medín, disputaron coa selección española de Rugby 7 os Xogos Olímpicos de Río, acadando un diploma olímpico pola súa sétima posición.

Marta Míguez animou “a todos os equipos que disputarán as ligas galegas de Rugby Sénior Masculinas e Femininas”. Ademais dos equipos galegos que competirán na Liga en 1ª División, entre os que se atopa o club lucense Muralla Rugby , a titular de Deporte salientou o papel dos “maiores representantes galegos no panorama nacional” como son o CRAT feminino na División de Honra Feminina, máxima competición nacional; e o CRAT masculino, o Kaleido Universidade de Vigo e o Campus Ourense Coosur na División de Honra B de Rugby, a segunda división do rugby
nacional.

A secretaria xeral para o Deporte destacou tamén “o bo estado de saúde do rugby galego” que se resume “no aumento das licenzas deportivas xa que no ano 2009 contabamos con 894 e hoxe contamos con 1.207”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com