Medio Ambiente financiará a recuperación de tres fontes en Cervantes

 A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio achegará 14.300 euros ao Concello de Cervantes para levar a cabo a mellora ambiental de tres fontes, dúas en Dumia e unha en Pandelo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que esta actuación desenvolverase a través da concesión dunha subvención ao Concello que suporá que o Goberno galego asumirá todo o custo do proxecto e á Administración local corresponderalle o IVE.

A intervención persegue recuperar o estado orixinal das fontes rehabilitándoas con materiais propios da zona para lograr a súa integración na paisaxe, así como restaurar a funcionalidade dos seus elementos. Estes mananciais están situados en territorio incluído na Zona de Especial Conservación (ZEC) Ancares-Courel.

O proxecto prevé a limpeza do contorno das fontes, que nalgúns casos teñen parte dos seus elementos deteriorados e invadidos pola maleza. Está previsto o revestimento de muros empregando pedra caliza, propia da zona; o arranxo dos elementos de recollida de auga para evitar que esta se verta, a reposición das tapas dos lugares de apoio para coller a agua e o acondicionamento das canles de circulación. Tamén hai proxectadas melloras de accesos.

O delegado territorial sinalou que o departamento de Medio Ambiente subvenciona este proxecto dentro da orde de axudas a investimentos non produtivos para a realización de obxectivos medioambientais e climáticos en concellos incluídos nas Rede Natura 2000, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Dacordo coa convocatoria, os proxectos desenvolveranse en dúas anualidades, 2018 e 2019.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com