Medio Rural xestionou máis de 15 millóns de euros de investimento o pasado ano na montaña lucense

A Consellería do Medio Rural investiu o pasado ano 15,6 millóns de euros nas comarcas da Fonsagrada e Os Ancares a través de cinco programas de apoio ás explotacións agrícolas e gandeiras.

Así o deu a coñecer hoxe o delegado territorial, José Manuel Balseiro,  no marco da charla informativa sobre as axudas da PAC convocada en colaboración coa Asociación de Gandeiros da Fonsagrada nesta localidade.

Balseiro subliñou que “máis de 12,6 millóns de euros corresponden a pagos da PAC realizados durante o pasado ano aos concellos da Fonsagrada, Becerreá, As Nogais, Pedrafita do CebreiroNavia de Suarna, Negueira de Muñiz, Baleira e Cervantes. Ao respecto, cabe destacar que preto de 2 millóns deste montante corresponden á chamada  indemnización compensatoria, destinada a indemnizar os agricultores polas dificultades naturais, neste caso por ser zona de montaña”.

Neste sentido, o delegado afirmou que “dende a Xunta traballamos por un rural vivo e con opcións de futuro, aproveitando os recursos con que contamos no noso territorio, impulsando os sectores básicos, como a gandaría ou o forestal, e mellorando os servizos para que a mocidade atope no rural un lugar atractivo no que vivir e traballar”.

Así, explicou, a Xunta destinou máis de 1.117.000 euros a axudar aos mozos e mozas que se incorporaron ao sector nestas comarcas , e 1.149.000 euros aos agricultores e gandeiros que realizaron melloras nas súas explotacións. Igualmente, afirmou que se investiron máis de 560.000 euros ao abeiro do Plan Marco na mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias, e 161.000 euros nun  proxecto de concentración parcelaria en Baleira.

Nova campaña da PAC

José Manuel Balseiro visitou tamén unha explotación da Fonsagrada dedicada ao gando vacún de carne que é beneficiaria das axudas da PAC.

Na visita, o delegado explicou que “a Xunta está a organizar  charlas informativas sobre as novidades da PAC para a presente campaña en distintos concellos, respondendo á chamada dos diversos colectivos que as solicitan”. Así, realizáronse ata a data catro charlas -en Lugo e A Fonsagrada-, están fixadas para os próximos días tres máis, en Mondoñedo, Ribadeo e Friol, e está pendente de poñer data outra sesión informativa en colaboración coa Asociación de Criadores de Ovino e Caprino (Ovica).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo