Na Praza do Campo de Lugo

En Lugo, de repente, descubrimos que a nosa mocidade dedica as noites a algo máis ca ao botellón, e quizás propiciado por este dedica demasiadas enerxías a malutilizar elementos de propiedade pública. E aí están como proba as pintadas perigosas no ruinoso edificio das costas do Parque, as subidas ao tellado na obra do antigo Hospital de San José, os contedores rodantes ás veces con rapaz dentro, e a destrución parcial da estatua de San Vicente no alto da fonte da Praza do Campo.

A estatua de San Vicente sufriu a amputación dun dedo na República, dunha man na democracia, a incorporación de bufandas ou outros elementos de abrigo extraños á súa natureza en todo tipo de festas, ata o seu derribo, xa fose intencionadamente xa ao intentar colocarle calquera prenda de abrigo e que a estatua non termase co peso do intruso.

Sempre houbo accións deste tipo na mocidade, especialmente no antroido, coñecendo feitos como xuntarse un grupo de mozos nas aldeas para levar un carro derriba dunha casa rural e clavar a cabezalla na cheminea. Pero coidabamos que eran feitos esquecidos. E estos son moito máis graves quizais porque o alcohol fai elevar o nivel das agresións ata chegar a cargarse un monumento de dous séculos e medio.

Certamente o bispo Izquierdo non comprendería este mundo, xa que a fonte foi a súa máis visible satisfacción por lograr abastecer de auga a cidade, e saber que o cura de Fruime cantaba o feito dicindo: “Y ya que para los brindis / materia estás ofreciendo,/ a tu salud, Izquierdo, beba Lugo;/ y mientras beba Lugo, Viva Izquierdo”.

Casi non parece tan extraña a agresión a un monumento á auga que a través de fontes abastecía á capital lucense. A fin de contas, o máis probable é que os rapaces –ou rapazas, que en principio non hai que desbotar ningunha posibilidade- consideren a esas horas da noite que hai moitos máis e mellores líquidos na noite lucense que a auga que a fonte aínda segue ofrecendo.

Que non se pensé que minimizo o feito da destrución da fonte. Paréceme unha cafrada, unha agresión innoble, un síntoma miserable do que a conxunción da noite co alcohol e coa mala educación poden chegar a conseguir.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com