O BNG-AA cuestiona ao Concello sobre a limpeza e o mantemento das piscinas municipais

O voceiro do BNG-AA, Rubén Arroxo, presentou hoxe no Concello unha serie de preguntas relacionadas coas deficiencias que denuncian algunhas das persoas usuarias das piscinas municipais en canto á limpeza. Arroxo sinalou que nas últimas datas se reciben queixas veciñais pola situación das piscinas de Frigsa, en concreto pola situación de suciedade que se ve nos vestiarios. Ademáis das queixas pola limpeza, tamén existen deficiencias no mantemento das instalacións como os peches das taquillas e o mobiliario dos vestiarios.

Segundo a información da que dispón o BNG-AA “o persoal destinado á limpeza da instalación reduciuse de 7 persoas a 3, coa correspondente diminución de número de limpezas por día”. Ademais existe algunha queixa dado que nalgún sábado pola mañá non se permitiu a entrada a persoas usuarias, e co seu bono pagado, por estar un vaso da piscina completamente ocupado, e malia estar o outro baleiro, non existía socorrista para atendelo.
Os nacionalistas reclamáronlle ao goberno información por escrito para saber se houbo unha diminución no número de efectivos do persoal de limpeza e, tamén, para comprobar se se viu reducido o número de limpezas diarias dos vestiarios. Arroxo explicou que queren saber se “existe un seguimento á empresa de limpeza para esixirlle o cumprimento do contrato e un estado adecuado da instalación”.

Outras das queixas recibidas polo BNG-AA foi relacionada coa infrautilización da instalación debido á carencia de socorristas para atender os dous vasos da piscina. Por iso dende o BNG – AA preguntan, ao goberno municipal, con cantos socorristas se conta para os sábados e como se distribúen as quendas de traballo para atender a instalación e a demanda de persoas usuarias. Tamén se demanda información sobre o coñecemento de que non se permitiu entrar a persoas usuarias e con bono pagado os sábados, malia estar un vaso sen persoas usuarias, argumentando que había falta de socorristas.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com