O BNG-AA propón a revisión e actualización das webs municipais

O BNG anima ao goberno municipal a acometer unha revisión do entramado de webs, blogs e app que dependen do Concello de Lugo. Neste momento máis dunha ducia de sitios web están desfasados, sen actualizar ou baleiros ainda que se seguen anunciando na páxina principal do concello. O voceiro nacionalista, Rubén Arroxo, sinalou que “hai que revisar os sitios web que dependen do concello por que crean confusión entre as persoas usuarias e da moi mala imaxe” e apuntou que “incluso, no mes pasado, se dirixiu unha queixa formal e escrita á comisión de queixas e suxestións”. Ademais Arroxo referiuse á dificultade desta páxina para atopar a información polo seu “carácter laberíntico”.

Na propia web principal (www.lugo.gal) se anuncian enlaces que están inactivos como é o caso de Muralla Dixital que aparece entre o listado de webs dependentes do concello que se anuncian na parte baixa da principal. Outra páxina que está sen actualizar e segundo o BNG “máis ben parece un rede social dun grupo de amigos” é a da Casa das Linguas na que as últimas entradas correspóndense con fotografía dunha cea de alumnado no nadal de 2017.

Outro caso sorprendente é o apartado de Actualidade da web da empresa municipal EVISLUSA onde o único contido, e que se sinala como actualidade, fai referencia ao proceso de rehabilitación do barrio do Sagrado Corazón. Outra páxina que permanece totalmente desactualizada e activa é relativa á información sobre prevención de drogas que ten a última información relativa a actuacións do ano 2009.

Rubén Arroxo sinalou que “o problema de todo esto é que hai persoas que buscan información e poden atopala pero é erronea ou completamente desactualizada”. Arroxo citou o caso da páxina de Xuventude, na que aparecen unha serie de novas e convocatorias sen data nin referencia ao ano “calquera persoa pode interesarse por un curso que se anuncia entre as primeiros da páxina e, ao mellor, foi un curso que se fixo no ano 2014, 2013 ou non se sabe cando”.

Tamén desactualizada pero activa, é web do MIHL unha páxina que crea confusión a quen busca información sobre as actividades que alí se programan por que a información é totalmente incompleta e deslavazada. O mesmo sucede coa páxina do CEI NODUS que segue activa na rede e na que a última información que aparece é do ano 2015.

Un caos, un clásico e un patrimonio desactualizado
Arroxo referiuse tamén a un clásico das desactualizacións municipais como é a páxina do Mercado Municipal. Foi no seu momento unha importante inversión económica e agora non funciona. Un caso caótico é dos boletíns de Información cultural que se poden atopar en diferentes lugares da web do Concello, sen orden nen concerto, e en moitos sitios non figura o ano ao que se refiren o que pode levar á confusión. Tamén está completamente desactualizada a informacións sobre o patrimonio municipal que se foi renovando puntualmente ata o ano 2014 e a partir dese momento parece que ninguén se preocupou máis.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo