O BNG abandona o Consello de Suplusa

O representante do BNG na Sociedade Urbanística Provincial de Lugo (SUPLUSA), ente propio dependente da Deputación provincial de Lugo, vén de anunciar a decisión do grupo nacionalista de abandonar o seu Consello de Administración e, polo tanto, a súa dimisión como conselleiro nese organismo, o deputado Xosé Ferreiro.

O BNG sempre defendeu que SUPLUSA necesitaba cambios de calado para levar adiante o seu traballo. Nesa liña, no propio acordo que no seu día o BNG asinou co PSOE estaba nun dos seus primeiros puntos a “reformulación de SUPLUSA” así como “facer os cambios precisos no seu persoal de dirección”.

Esta decisión do Grupo Provincial, ratificada pola Executiva Nacional do BNG, vén provocada neste momento pola situación de enfrontamento que se está a producir entre a dirección da sociedade e o propio goberno da Deputación, enfrontamento que leva a que o PP e Martínez, actual presidente de Suplusa, coa súa maioría antidemocrática, usen esta sociedade para recorrer decisións da propia Deputación, cuestión que para o BNG resulta totalmente absurda e inaceptable.

“É realmente inaudito que un órgano dependente dunha institución se “revele” contra as decisións desa institución, chegando incluso a recorrer as súas accións. Calquera deputado ou deputada ou calquera grupo político, pode recorrer as decisións do goberno, están no seu dereito e é totalmente lexítimo, pero non poden usar unha institución ou un organismo como SUPLUSA para facer este traballo”, manifestou o deputado do BNG.

Postura “totalmente incoherente”

Os populares non tardaron en reaccionar a esta información e cualificaron de “totalmente incoherente” á postura do Bloque Nacionalista con respecto a Suplusa. Os populares cren que as escusas dos nacionalistas non se sosteñen, posto que o PSOE aínda formou parte do último consello de administración celebrado o pasado martes. En concreto, o propio presidente Darío Campos, participou nesa reunión.

Por se isto fora pouco, engaden, “con esta nova ocorrencia os nacionalistas deixan tiradas ás persoas seleccionadas no ano 2015 para traballar nas residencias de maiores que aínda non abriron as súas portas na provincia”. Resulta rechamante, segundo os populares, que mentres a CIG di que defende os dereitos destas persoas seleccionadas o BNG os abandone a súa sorte, sen preocuparse por defender os seus dereitos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com